Ao Azkar Lugo B vólvenselle a escapar os puntos na recta final
O Azkar Lugo B segue sen poder coñecer a vitoria e iso que este pasado fin de semana estivo preto de conseguilo, pero finalmente os lucenses acabaron cedendo ante o Pizarras Los Tres Cuñados ourensán por 5 goles a 7. O final da primeira parte, cando mellor se atopaba o filial pronista, foi clave e aí os ourensáns aproveitaron para manterse vivos no choque. Na recta final cando o partido se atopaba en táboas, erros como en anteriores encontros custoulles o partido aos lucenses.
O choque arrincou cun lixeiro dominio visitante, que gozaba de maior posesión de balón e iso permitiulle colocarse con vantaxe aos cinco minutos do arranque. Aos poucos o Azkar Lugo B logrou collerlle o pulso ao partido, comezou a apoderarse da posesión, e a xerar as mellores ocasións de gol, o que lle levou a empatar o partido co 1-1 no ecuador do primeiro periodo. Os ourensáns buscaban constantemente xogar ao contraataque mentres que os de Morenín e Manuel Vázquez optaban polo xogo posicional, e ise levoulle a mandar no luminoso a cinco minutos do descanso (2-1). O peor sen dúbida para os galegos chegou no último minuto do primeiro acto: o Pizarras Tres Cuñados empataba desde a pena máxima tras un dubidoso penalti, segundos despois poñíase por diante (2-3) con gol de dobre penalti e xa ao bordo do descanso Cancio era expulsado con vermella directa.
O segundo periodo comezaría con esa inferioridade dos lucenses, que defenderon ben, pero nada máis recuperar ao seu quinto xogador, os ourensáns lograban o 2-4. Co partido tolo, primeiro o filial lucense reduciría distancias co 3-4, pero minutos despois o seu rival ampliaba ao 3-5. Pese ao novo pau recibido, os lucenses non se viñeron abaixo e nun novo tramo bo de partido, Jose López primeiro e Porto despois empataba o choque (5-5). O partido estaba aberto, e quizais demasiado revolucionado, onde os ourensáns móvense á perfección e así aproveitarían unha contra para poñerse de novo por diante 5-6. Entón o Azkar B xogaríalla con porteiro-xogador tendo unha boa ocasión para empatar e logo reclamarían un posible penalti no área visitante. Manu a dous minutos do final sería expulsado por dobre amarela nos locais e iso dificultou o poder rabuñar polo menos o empate ao estar cun xogador menos en pista. A 35 segundos do final, Bruno anotaba o seu cuarto gol no choque e o 5-7 que sería xa definitivo.
Ficha técnica:
Azkar Lugo B 5: Yago Balsa, Manu, Cancio, Cabanas e Javi Río, -cinco inicial-, Jose López, Rubén Mouriz, Costoya, Porto, Diego e Cristian.
Pizarras Los Tres Cuñados 7: Maelo, Muli, Delin, Bruno e Jesús, -cinco inicial-, Borja, David, Jairo e Maki.
Árbitros: Sierra Marquez e Roldán Pérez (Pontevedra). Amonestaron con tarxeta amarela a Javi Río (Azkar B) e a Rubén (Tres Cuñados). Expulsaron con dobre amarela a Manu e vermella directa a Cancio (Azkar B).
Incidencias: 5ª xornada de liga no grupo I da 2ª división B. Centro Deportivo Terra.
Goles: 0-1 min. 5 Jesús, 1-1 min. 10 Porto, 2-1 min. 15 Javi Río, 2-2 min. 20 Bruno (penalti), 2-3 min. 20 Bruno (dobre penalti), 2-4 min. 22 Bruno, 3-4 min. 24 Costoya, 3-5 min. 26 Delin, 4-5 min. 30 Jose López, 5-5 min. 32 Porto, 5-6 min. 36 Jesús e 5-7 min. 40 Bruno.
O Azkar Lugo B xoga este próximo sábado desde as 18:00 horas no Complexo Deportivo Municipal da Gándara ante o Cidade de Narón.











