Ampla programación para unhas Festas do Rosario que prolongarán a oferta lúdica na Coruña durante 4 días

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+

A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá as actividades que se levarán a cabo con motivo da celebración das festas da Virxe do Rosario entre os días 4 e 7 de outubro. “Trátase da programación máis completa da historia cumprindo cun dos obxectivos deste Goberno municipal: potenciar as festas da patroa”, destacou Fernández.

Así, durante catro días, a Cidade Vella acollerá espectáculos de todo tipo dedicando especial atención á programación musical e á infantil. Ademais, este ano, como novidade, as festas comezan na praza de María Pita que abrirá os festexos co concerto de Carlos Jean, o venres 4 de outubro, ás 22.00 horas e contarán cunha sesión de lumes artificiais o domingo, día 6, ás 23.00 horas. “Queremos vivir o Rosario durante máis días e que se amplíe a toda a cidade para que todos os coruñeses sintan estas festas como propias”, explicou a concelleira.

Ana Fernández tamén recordou que as actividades se consensuaron con asociacións de comerciantes, veciños e colectivos sociais e culturais da Cidade Vella. Así, tras o éxito da pasada edición, se repitirán as sesións vermouth na praza de Azcárraga coa música de Rumba Oeste, o sábado; a Banda Municipal de Música, o domingo; e a Aula de Jazz da Escola Municipal de Música, o luns.

A programación musical complétase con dous concertos na praza de Azcárraga: Os Frik&paldis (tributo a Fito&Fitipaldis), o sábado ás 21.30 horas, e Baldosa Amarilla, o domingo ás 22.00 horas; e tres na Venerable Orde Terceira de San Francisco: OSG: Trío de corda, o domingo ás 20.00 horas, OSG: Quinteto de metais, o luns ás 12.00 horas, e Deusa Tola con Sons do Atlántico que pecharán as Festas do Rosario o luns ás 21.00 horas. Ademais, a praza de Azcárraga acollerá o sábado un concerto da Asociación de violoncellistas de Galicia e celebrarase o tradicional Festival de Pulso e Púa.

Respecto á programación infantil, a Concellaría de Cultura proxectou infinidade de actividades na praza das Bárbaras, sábado e domingo, de 16.30 a 19.00 horas. En concreto, os menores poderán participar en talleres de repostaría, malabar, escultura, monicreques, téxtil, cestaría ou abelorios. “Ademais, os máis pequenos tamén terán a súa gran festa da man de Mamá Cabra, o luns ás 17.00 horas na praza de Azcárraga”, explicou Fernández.

“En definitiva -engadiu-, trátase dun programa que se elaborou con moito mimo pensando en todos os públicos sen importar a idade nin os gustos e contando coa participación de veciños, asociacións e comerciantes. Así, atendendo ás súas demandas, nos centramos na programación musical con sesións vermouth e música ao anoitecer, ademais de nas igrexas; e na programación dirixida aos máis pequenos. Sempre gardando un lugar moi destacado para a tradición con eventos que se viñeron celebrando durante os últimos anos”.

Así, o día da patroa, os actos de celebración en honor á Virxe do Rosario comezarán ás 09.30 horas con Misa solemne e ofrenda floral, a partir das 10.30 horas, dos representantes de distintos colectivos da cidade. Ás 11.30 horas, partirá da praza de María Pita a comitiva de autoridades e a Banda Municipal de Música que farán un percorrido ata Santo Domingo onde se celebrará Misa solemne en honor da patroa. Xa pola tarde, ás 18.00 horas, celebrarase a procesión coa actuación das corais Follas Novas, El Eco e Sporting Club Casino.

Para a promoción destes festexos, o Goberno municipal editou 2.000 programas en galego e castelán e 250 carteis que se distribuirán por toda a cidade.

“Esta programación demostra unha vez máis noso compromiso coa Cidade Vella”, destacou Fernández, quen engadiu: “Seguiremos escoitando os veciños para seguir sumando. De feito, xa estamos a traballar nas festas do Rosario de 2014 para contar unha programación á altura das festas da patroa”.

2 de outubro de 2013 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.