Ames asina un convenio coa Asociación “Os Castros” para desenvolver o obradoiro de baile e música tradicional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou co presidente da Asociación Cultural Os Castros, Jesús Gómez, o contrato polo cal a entidade se encarga de impartir un curso máis o obradoiro de actividades culturais de baile e música tradicional do Concello de Ames. A esta sinatura tamén asistiu a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín. O obradoiro de baile e música tradicional comezou as súas clases neste mes de outubro e conta con preto de 130 alumnos/as, o que supón un incremento con respecto ao curso anterior.

O orzamento máximo do contrato ascende a 5.600 euros e ten unha duración de outubro de 2013 a xuño de 2014. Tras a sinatura do convenio, o alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou “o éxito que rexistra esta actividade cultural, que cada ano suma máis alumnos e alumnas interesados en aprender baile e música tradicional”. O rexedor gabou a calidade do traballo que desenvolve a Asociación Cultural Os Castros, que cualificou como “un referente da música tradicional na nosa comarca e que colleita éxitos en todas as súas actuacións”.

As clases do obradoiro de baile e música tradicional impártense desde este mes de outubro nos locais sociais de Bugallido, Biduído e Trasmonte así como na Casa da Cultura de Bertamiráns. Deste xeito, os sábados no centro social de Bugallido ofrécense clases de baile, gaita, punteiro, pandeireta e percusión. Ademais, en Bugallido tamén se imparten clases de gaita, pandeireta e percusión os xoves.

Por outra parte, os domingos impártense clases de punteiro, gaita, pandeireta e percusión no centro sociocultural de Trasmonte. Os luns, na Casa da Cultura de Bertamiráns, ofrécense clases de gaita, punteiro, pandeireta e percusión, e os venres, no centro sociocultural de Biduído, impártense clases de pandeireta, percusión, gaita e punteiro.

25 de outubro de 2013 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.