Ames asina co Bertamiráns FC e co Milladoiro SD os convenios de colaboración das escolas deportivas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesDeportes
A-
A+
Reunión cos representantes deportivos

Reunión cos representantes deportivos

O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou esta mañá cos presidentes do Bertamiráns F.C, Rafael Budiño, e do Milladoiro S.D, Vicente González, os contratos para o desenvolvemento das escolas deportivas de fútbol ao longo deste curso 2013-2014. Na sinatura tamén estivo presente a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín. Deste xeito, o Concello e os dous clubs amienses reforzan un ano máis a súa liña de traballo conxunto á fronte dunhas escolas deportivas que reúnen a centos de rapaces e rapazas de Ames co fin de promover o exercicio físico e levar unha vida saudable.

Un dos obxectivos deste servizo é iniciar aos nenos e nenas na práctica deportiva para que adquiran o hábito de realizar exercicio a miúdo. Concretamente, o Bertamiráns F.C. dá formación a máis de 400 nenos e nenas nas escolas deportivas e o Milladoiro S.D. a un total de 300.

O convenio regula o traballo conxunto que se desenvolverá para que os clubs xestionen as escolas deportivas municipais de fútbol, e ten como marco temporal ata setembro de 2014. No caso do Milladoiro S.D., o orzamento máximo do contrato é de arredor de 22.000 euros. Por este convenio o club comprométese a continuar xestionando as escolas deportivas municipais de fútbol-8, fútbol sala e fútbol-11.

En canto ao Bertamiráns F.C., o orzamento máximo do contrato é de preto de 32.500 euros. No seu caso, en virtude deste convenio o club seguirá xestionando en Bertamiráns as escolas deportivas municipais de fútbol-7 e fútbol sala. Ademais, tamén organizará o torneo de fútbol-7 de veteranos.

Tras a sinatura dos convenios de colaboración, o alcalde e a concelleira de Deportes agradeceron aos presidente dos dous clubs “a continuidade da súa colaboración coas escolas deportivas e o seu intenso labor en favor do deporte amiense e da formación de novos xogadores”. Ademais, felicitaron a Bertamiráns F.C. e Milladoiro S.D. polos éxitos alcanzados na pasada temporada e amosáronlle o seu desexo de que “continúen nos vindeiros anos alcanzando triunfos e levando o nome de Ames por toda a xeografía galega”.

Escolas deportivas

O Concello de Ames ofrece un amplo abano de actividades deportivas co fin de mellorar a calidade de vida de toda a cidadanía amiense. Para iso neste mes de outubro púxose en marcha unha nova edición das escolas deportivas, que se desenvolven nas localidades de Bertamiráns e O Milladoiro e nas que participan preto de 900 usuarios/as. Como novidade, neste curso introducíronse novas disciplinas, destinadas especialmente ao público feminino.

Tras a sinatura dos convenios, a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, destacou que a primeira semana de posta en marcha das escolas deportivas discorreu con total normalidade, xa que se puxeron en marcha todas as actividades programadas, que están sendo impartidas por monitores con ampla experiencia en cada unha das disciplinas. Explicou, ademais, que nesta primeira semana de posta en marcha do curso, a Concellería de Deportes estivo realizando un seguimento do desenvolvemento das actividades, comprobando o seu correcto funcionamento e a adecuación aos horarios previstos.

Sobre a posta en marcha das escolas deportivas, a concelleira destacou que na primeira semana do curso se desenvolveron todas as actividades programadas e que en ningunha delas se sobrepasa a ratio de alumnos/as por aula. De feito, explicou que os grupos das diferentes actividades son establecidos polo Concello e non pola empresa adxudicataria, sempre tendo en conta as solicitudes e horarios. En canto aos monitores, Eugenia Martín subliña que “contan coa necesaria experiencia para impartir as diferentes disciplinas, especialmente tendo en conta que 14 deles xa traballaban nas escolas deportivas coa anterior empresa concesionaria”.

21 de outubro de 2013 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.