Ames amplía as actividades de Amessan, programando cinco novos grupos de ludoteca cognitiva

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Este luns, 7 de outubro, bota a andar unha nova edición do programa Amessan, que este curso verá ampliado o número de actividades de prevención, promoción da saúde e dinamización de persoas maiores que se ofrecen nas parroquias. Deste xeito, tras as reunións mantidas en pasadas semanas cos veciños e veciñas, o Concello de Ames programou cinco novos grupos en diferentes parroquias: 4 de ludoteca cognitiva (na Ameixenda, Bugallido, Cruxeiras e Tarroeira) e 1 de manualidades en Trasmonte.

Durante as reunións celebradas os pasados días 18 e 19 de setembro nos diferentes locais sociais, a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, propúxolle aos veciños e veciñas a posibilidade de formar novos grupos de actividades en caso de haber demanda. A raíz destes encontros, acordouse a creación de cinco novos grupos en outras tantas parroquias, despertando especial interese o obradoiro de ludoteca cognitiva, baseado na estimulación da memoria.

O programa Amessan ten como finalidade impulsar o benestar físico, psicolóxico e social da poboación maior do concello de Ames. A través das diferentes actividades integradas no proxecto, lógrase ademais que os maiores saian da casa, coñezan xente, estean entretidos e ao mesmo tempo fagan exercicio.

Este programa, que se desenvolverá entre os meses de outubro e xuño, inclúe as actividades de xerontoximnasia (ximnasia terapéutica), ludoteca cognitiva (estimulación das funcións cognitivas), obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha”, actividades de manualidades “Creando fogares” e actividades relacionadas coa formación dun coro. Este ano a principal novidade será que se impartirá un novo obradoiro denominado “Achégate ao inglés”.

Horarios de actividades

Na parroquia de Agrón desenvolverase o obradoiro de manualidades “Creando fogares” no local social, os xoves de 17:00 a 19:00 horas. Na Ameixenda os veciños e veciñas desta parroquia poderán participar no obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha”. Esta actividade desenvolverase no local social os martes de 17:00 a 19:00 horas. Ademais, poderán participar na ludoteca cognitiva que terá lugar os xoves de 17:00 a 19:00 horas.

En Bertamiráns impartiranse catro actividades. Os luns e mércores, de 17:30 a 18:30 horas, desenvolverase a actividade de xerontoximnasia GI, e os martes e xoves, de 12:00 a 13:00 horas, impartirase xerontoximnasia GII. Estas dúas actividades desenvolveranse no auditorio da Casa da Cultura. Ademais, nesta localidade realizaranse as actividades de ludoteca cognitiva (os luns e mércores, de 16:30 a 17:30 horas, na sala de usos múltiples da Casa da Cultura) e de coro (os mércores, de 18:30 a 20:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura).

Na parroquia de Bugallido desenvolveranse catro actividades. Os luns e venres, de 20:00 a 21:00 horas, desenvolverase a actividade de xerontoximnasia GI, e o luns e venres, de 21:00 a 22:00 horas, impartirase xerontoximnasia GII. Estas dúas actividades desenvolveranse no local social. En Bugallido, os veciños e veciñas desta parroquia tamén poderán participar no obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha”. Esta actividade desenvolverase no local social os mércores de 16:30 a 18:30 horas. Ademais, impartirase a ludoteca cognitiva os xoves en horario de 17:30 a 19:30 horas.

No local social de Covas impartirase a actividade de ludoteca cognitiva os xoves, en horario de 19:00 a 21:00 horas, mentres que no local social de Cruxeiras desenvolveranse tres actividades; xerontoximnasia (os martes e xoves de 20:00 a 21:00 horas), o obradoiro de manualidades “Creando fogares” (os martes de 18:00 a 20:00 horas), e a ludoteca cognitiva, os mércores de 17:00 a 19:00 horas.

No Milladoiro impartiranse seis actividades. Os martes e xoves, de 17:30 a 18:30 horas, desenvolverase a actividade de xerontoximnasia GI, e os martes e xoves, de 18:30 a 19:30 horas, impartirase xerontoximnasia GII. Estas dúas actividades desenvolveranse no auditorio da Casa da Cultura. Ademais, nesta localidade realizarase a actividade de ludoteca cognitiva GI (os luns e xoves, de 18:00 a 19:00 horas) e a ludoteca cognitiva GII (os luns e mércores, de 19:30 a 20:30 horas). Estas dúas actividades desenvolveranse nas aulas 2 e 3 da Casa da Cultura. Por outra banda, nas aulas 2, 3 e 4 da Casa da Cultura impartiranse o obradoiro de “Achégate ao inglés” (os luns e mércores, de 16:30 a 17:30 horas) e o obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha” (os venres de 17:00 a 19:00 horas).

No local social de Piñeiro haberá xerontoximnasia os luns e mércores, en horario de 19:00 a 20:00 horas. Na Tarroeira tamén se impartira esta mesma actividade os luns e mércores, pero en horario de 20:30 a 21:30 horas, e a de ludoteca cognitiva, que será os mércores de 17:00 a 19:00 horas. Por último, no local social de Trasmonte desenvolverase o obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha” (os luns de 19:00 a 21:00 horas) e o de manualidades (os mércores de 18:00 a 20:00 horas).

Inscricións nas actividades
As inscricións faranse o propio día que comeza o programa no lugar e horario no que se desenvolve a actividade a que cada persoa acode. Cómpre lembrar que o programa Amessan comeza esta semana do 7 de outubro. Para realizar as inscricións cada usuario/a debera presentar o primeiro día unha fotocopia do DNI. As persoas que teñan menos de 60 anos terán que presentar tamén un informe do médico de atención primaria.

7 de outubro de 2013 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.