AFAL abre o prazo de inscrición para unha nova edición do Curso de Coidador Sociosanitario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

Tras o éxito de participación rexistrado en convocatorias anteriores, AFAL Ferrolterra reeditará o próximo mes de novembro o seu Curso de Coidador Sociosanitario de Persoas Dependentes. Por iso, o luns quedará aberto o prazo de inscrición. Segundo explicou a presidenta da entidade, Milagres Prieto, o obxectivo deste é dotar os coidadores da información, coñecementos e habilidades necesarias para desenvolver de forma eficaz o seu papel. Así mesmo, sinala que busca mellorar a autoestima dos coidadores principais e proporcionarlles información sobre recursos sociosanitarios. Así, as persoas interesadas en anotarse nesta acción formativa poden facelo na sede da asociación en Ferrol, na rúa Río Castro, 43-45 baixo, ou solicitar máis información no teléfono 981 370 692. O prazo permanecerá aberto ata o próximo 14 de novembro e o custo da actividade é de 30 euros para os socios da entidade e de 50 para os non socios. Prezo que, en ambos os dous casos, inclúe a participación nos dous módulos nos que se estrutura o curso.

Organizado por AFAL Ferrolterra coa colaboración do Sergas, o curso estará impartido por un equipo multidisciplinar integrado por Silvia Loureiro (logopeda), Rita Touza (psicóloga), Alba Romeiro (educadora social), Noelia Ríos (terapeuta ocupacional), Iria Abad (traballadora social), Jesús Victoria (pedagogo) e Araceli Prieto (enfermeira). De 30 horas de duración, está estructurado en dous módulos formativos entre o 18 e o 29 de novembro. Nun e outro caso, as clases desenvolveranse na sede da asociación, en horario de tarde (de 16 a 19 horas). Neste trataranse temas como os coidados que precisa a persoa dependente ou o propio coidador, así como as claves para mellorar a calidade de vida nun e outro caso.

Por último, sinalar que o Sergas declaraba este curso de AFAL de interese sociosanitario, de modo que agora a acción formativa puntúa de cara á obtención do certificado de profesionalidade. Ademais, está acreditado pola Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría. As prazas son limitadas.

26 de outubro de 2013 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.