Adxudicadas as obras de ampliación do paseo marítimo de Caión
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha clasificou hoxe as ofertas presentadas para a realización da obra referida á ampliación do paseo marítimo de Caión. O proxecto foi adxudicado en preto de 131.000 euros, o que supón un aforro do 16% con respecto ao orzamento máximo de licitación.
Unha vez completados os trámites administrativos previos, nos próximos días procederase a asinar a acta de replanteo e, a continuación, iniciaranse as obras.
A actuación é promovida polo Concello da Laracha e conta coa colaboración económica da Consellería do Mar e do Medio Rural da Xunta de Galicia tras ser concedida a subvención que se tramitou a través do Grupo de Acción Costeira (GAC) 3 – Costa da Morte, por considerala como un proxecto estratéxico zonal.
Durante os próximos meses crearase unha nova senda peonil no borde litoral occidental da praia, desde a zona de aparcamento que dá servizo ao areal, en dirección Carballo, por baixo da coñecida como pista do Saldoiro e ata o arroio de Figueirido. A nova infraestrutura terá unha lonxitude duns 800 metros e dará continuidade ao paseo marítimo de Caión xa existente, conformándose un percorrido ininterrompido de máis de 2,1 quilómetros.
No deseño prestouse un coidado especial para, tendo en conta o seu enclave, tratar de minimizar o impacto ambiental e integrar as estruturas no medio no que se situarán. Así, está previsto o emprego de materiais naturais, como o pavimento ecolóxico terrizo e bordillos de madeira de pino. As actuacións contan cos preceptivos informes sectoriais favorables das Direccións Xerais de Conservación da Natureza e de Sostibilidade e Paisaxe e respectarán en todo momento a normativa do Plan de Ordenación do Litoral (POL).
A creación da nova senda peonil que dará continuidade ao paseo marítimo de Caión é unha vella aspiración do goberno local que se fará realidade en poucos meses. En primeiro lugar, trátase dun proxecto beneficioso para a veciñanza en xeral da vila, xa que será recuperada, acondicionada e posta en valor un ámbito de 40.000 metros cadrados de superficie que integrará a área de tránsito para peóns con espazos públicos de recreo e esparexemento. Ademais, dinamizarase turisticamente a vila e ofreceranse novos servizos e posibilidades tamén para miles de visitantes que ao longo do ano –especialmente no verán, pero tamén durante o inverno- recibe a vila que marca o inicio da Costa da Morte.
Facturas
Na sesión de hoxe foron aprobadas facturas por un importe total próximo aos 16.000 euros. O gasto máis importante correspóndese á adquisición de sinais e paneis informativos, material empregado no desenvolvemento do Plan municipal de mellora da sinalización e da seguridade viaria que se levou a cabo durante o verán e que afectou, especialmente, aos cascos urbanos da Laracha e Paiosaco.
Licencias urbanísticas
Por último, salientar que, entre as licencias urbanísticas concedidas, tres delas corresponden á construción doutras tantas vivendas unifamiliares.











