Ábrese o prazo inscricións no programa diúrno de balnearios “Coidarte” para maiores de 50 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Deputación Provincial vén de abrir o prazo de inscrición no programa diúrno de balnearios “Coidarte” dirixido aos maiores. As persoas interesadas en participar deben dirixirse á Área de Maiores do Concello onde se lles tramitará a solicitude. O prazo remata o día 30 de novembro. O programa “Coidarte” está dirixido ás persoas maiores de 50 anos, pensionistas ou a aquelas que necesiten un descanso das cargas familiares. Consiste en facilitar aos beneficiarios a posibilidade de gozar dos beneficios dun centro talaso ou spa facendo a súa asistencia compatible coas tarefas diarias.

A iniciativa ofertada polo organismo provincial dende hai anos, consiste en ofrecer aos beneficiarios a posibilidade de asistir durante cinco tardes consecutivas (de luns a venres) das instalacións dun talaso ou spa da nosa provincia. Para iso facilítaselles o transporte de ida e volta dende o respectivo Concello no mesmo día.

Os desprazamentos realizaranse nos autobuses da empresa adxudicataria do programa e os centros talaso e Spa entre os que poden elixir os usuarios son os balnearios Termas de Cuntis, Hesperia Isla de la Toja, Mondariz, o Thalaso Atlántico de Oia, e os Spas Galatea de Sanxenxo, Norat do Grove e Torre do Deza de Lalín. Os prezos polas cinco tardes de tratamento máis o desprazamento en autobús oscila entre os 30 e os 80 euros, dependendo do centro elixido.

Cada balneario ou establecemento proporcionaralles ós participantes chancletas e gorro de baño para que poidan acceder ás instalacións, onde permanecerán por un período mínimo de dúas horas aproveitando todos os beneficios termais.

Para realizar a solicitude de praza, os interesados deben presentar unha fotocopia do DNI e o informe de Servizos Sociais se se trata dun caso de respiro familiar.

22 de outubro de 2013 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.