Aberto o prazo para inscribirse no taller sobre cancro de mama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

O CIM de Ortigueira e a Escola Galega de saúde para cidadáns organizarán o luns 21 de outubro con motivo do Día contra o cancro de mama un taller destinado a informar as veciñas sobre os aspectos básicos desta enfermidade. A iniciativa contará ademais coa colaboración do grupo farmacéutico Roche. O prazo para anotarse está aberto.

O organismo, dependente da Concellaría de Benestar Social, promove dentro do programa “Muller e saúde” esta nova acción formativa que permitirá ás participantes saber máis sobre o cancro de mama, a importancia da prevención e da detección precoz, así como o seu tratamento e coidados. Neste sentido, o programa incluyirá cuestións como o proceso de adaptación ou os cambios na imaxe corporal.

O taller, que se desenvolverá no Centro de Participación Social de Ortigueira (Antigo Hospital de San Roque) en horario de 16:30 a 20:30 horas, será impartido por Carmen Cereijo Garea, supervisora de área do C.H.U. da Coruña e estará dirixido a pacientes, familiares de pacientes, coidadores e cidadanía en xeral.

Para participar no curso, realizado grazas á colaboración do Servizo Galego de Saúde, será preciso anotarse canto antes, dado que as prazas son limitadas, dirixíndose ao centro social de Ortigueira, ou anotándose a través do teléfono 981402542.

Coa organización, o CIM de Ortigueira sumarase á conmemoración o 19 de outubro do Día contra o cancro de mama como recordatorio do compromiso de toda a sociedade na loita contra esta doenza. Ademais, a proposta verase reforzada co apoio do grupo farmacéutico Roche, que regalará ás persoas participantes a publicación “Falemos do cancro de mama con Roche” e folletos informativos sobre o tema.

APOIO PSICOLÓXICO

Cabe recordar que o Centro de Información á Muller mantén activo un programa destinado a prestar apoio psicolóxico a pacientes oncológicos e aos seus familiares. Un servizo do que se poden beneficiar os veciños de Ortigueira, Cariño e Mañón, que pretende axudar aos usuarios a arrepor e convivir co cancro, ofrecendo unha axuda psicosocial dende o mesmo momento en que se produce o diagnóstico.

4 de outubro de 2013 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.