Abegondo presenta o seu ideario ambiental baseado na auga, a agricultura ecolóxica ou a biomasa

Presentación do ideario ambiental
As mellores prácticas ambientais das administracións locais reuníronse hoxe en castelo de Santa Cruz, nun foro organizado polo CEIDA. No programa non faltou o Concello de Abegondo, galardoado co Premio de Medio Conama 2012 pola súa política de xestión hídrica.
O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, foi o encargado de presentar o ideario ambiental do Concello ante un público repleto de políticos e técnicos da administración municipal. O rexedor estivo acompañado na presentación do enxeñeiro agrónomo municipal, Carlos Ameijenda, responsable de moitos dos programas ambientais abegondeses.
Santiso destacou a importancia da auga nas actuacións municipais. O Concello acaba de levar a cabo un extenso programa LIFE baseado na mellora da calidade da auga do encoro de Abegondo – Cecebre, que contou con numerosas obras, publicacións e accións de sensibilización. Ademais de recibir a mencionada distinción, Abegondo logrou que a Unión Europea volvese elixilo para un novo LIFE, recén empezado, que abordará nesta ocasión a problemática das vivendas que carecen de acceso ás redes de abastecemento e saneamento, unha situación moi repetida en Galicia e Europa.
Santiso defendeu a “cultura de coidado da auga” que entende debe ir máis alá de ampliacións do saneamento. De feito, resaltou a protección fixada no Plan Xeral para todos os mananciais e expuxo que o Concello creou a figura do Espazo Natural de Interese Local para as servidumes dos ríos e regatos.
Se a auga é o primeiro piar do ideario ambiental de Abegondo, o segundo pode ser o sector agrario. “Promovemos unha agricultura respectuosa co medio”, apuntou. En este sentido, cualificou a produción ecolóxica de “clave” para a recuperación económica da área.
O primeiro edil recordou a denominación de “horta da Coruña” de zonas da bisbarra e defende a súa potencialidade actual para a comercialización de produtos en circuítos curtos de consumo. Por iso, o Concello de Abegondo confeccionou un estudo de potencialidades agrarias para cada terreo do municipio, que indica cal é a mellor produción para cada un segundo factores climatolóxicos ou xeolóxicos.
Finalmente, o rexedor expuxo o programa de aproveitamento da biomasa, o plan europeo para mellorar a reciclaxe no fogar ou a formación que imparte a Aula de Natureza de Crendes como outros proxectos que converteron a Abegondo en referente no traballo ambiental dende a administración.











