A Xuntanza de Palilleiras de Carral reunirá a unhas 200 afeccionadas ao encaixe
A Concellería de Cultura do Concello de Carral desenvolverá o vindeiro sábado 26 de outubro a quinta edición da Xuntanza de Palilleiras de Carral, na que está prevista a participación dunhas 200 artesanas do encaixe.
Este evento, que terá lugar no Pavillón Deportivo do Espiño, comezará ás 11:00 da mañá coa recepción das palilleiras, facendo un descanso de 14:00 a 16:00 e rematando ás 19:00 h. A xuntanza está aberta ao público, que poderá gozar dos traballos que en vivo realizan as afeccionadas ao encaixe, así como dos produtos que ofrecen as múltiples tendas que terán presenza no Espiño. Tamén terá ocasión de desfrutar da actuación folclórica do grupo O Rueiro ás 12:00 h, e da actuación do Mago Antón nalgunha das sesións que realizará no Magomóbil.
Tanto participantes como público poderán ollar as exposicións que se organizarán. Unha delas corresponde a algunhas pezas e instrumentos para o encaixe do maior estudoso desta arte en Galicia, Mario Gallego Rey. E a outra mostra estará formada por traballos da escola municipal de Teares e Tapices de Carral.
Para palillar están inscritos grupos de Carral, Oleiros, Arteixo, Betanzos, Sada, A Coruña e Burela.











