A vindeira semana comezan as visitas guiadas ao teatro Jofre e ao centro cultural Torrente Ballester

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol inicia a vindeira semana o programa “Pensando en VOS” de visitas guiadas aos grandes espazos culturais da cidade. Estas visitas comezarán o luns, día 7, no Teatro Jofre para continuar o martes 8 no Centro Cultural Torrente Ballester (CTB). Ámbolos dous percorridos con guía por estes espazos serán de carácter gratuíto e darán comezo ás 11:00 horas. Este programa conta co apoio do Plan de Competitividade Turística da Deputación Provincial da Coruña.

O teatro municipal, que cumpriu recentemente 120 anos, albergou durante todo este tempo distintos emprendedores que querían un teatro para Ferrol: arquitectos, diferentes empresas construtoras, gran cantidade de artistas, de personalidades, de escenógrafos, de cidadáns, de asociacións… Un edificio que naceu como soporte da vida social da burguesía decimonónica e que hoxe segue sendo exemplo activo da vida cultural ferrolá. Este inmoble encerra mil sorpresas e recordos dunha vida dedicada á arte.

Pola outra banda, o Centro Cultural Torrente Ballester (CTB) cumpriu este ano 230 anos dende que se puxo a primeira pedra do edificio. Este antigo hospital, que estivo abandonado durante anos, foi transformado nun moderno centro de exposicións, actividades culturais, que ademais conta cunha capela onde se realizan concertos, conferencias ou voda  civís. Un lugar onde se exercitaba a caridade do seu tempo e onde agora se exercita a cultura. Unha transformación que se pode seguir nunha amena visita guiada polo inmoble.

Inscrición e próximos espazos abertos á cidadanía

As persoas interesadas en participar nestas visitas guiadas ao Jofre e o CTB, poderán formalizar a súa inscrición chamando ao número de teléfono 981 944 180 ou a través do correo electrónico: cultura@ferrol.es, facilitando o nome, apelidos e número de teléfono. Ademais, o conxunto da cidadanía contará proximamente cunha maior oferta de visitas guiadas, xa que se ampliará ao novo Auditorio de Ferrol e ao Pazo Municipal.

4 de outubro de 2013 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.