A Sociedade Antropolóxica Galega presenta un libro sobre o poder curativo do alicornio en Pontevedra
A Galería Sargadelos de Pontevedra acollerá este venres, a partir das 20:00 horas, a presentación do libro “Alicornio. O poder do corno de unicornio na medicina tradicional galega”. Trátase do último libro do presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, Rafael Quintía, que adicou os últimos oito anos a investigar sobre este fenómeno da mitoloxía, viaxando por toda Galicia e entrevistando a ducias de persoas.
Para Rafael Quintía o alicornio é “o obxecto de poder máis fabuloso da tradición galega”. Tal e como se expón no seu libro, ao corno de unicornio atribúenselle “dende a máis remota antigüidade propiedades sandadoras contra todos os velenos e moitos máis prodixios”.
O autor pontevedrés fai un extenso percorrido pola historia deste amuleto e as súas virtudes para curar o mal de pezoña e outras doenzas da pel. Neste traballo etnográfico, Rafael Quintía tamén invita os lectores a viaxar por Galicia na procura dalgúns alicornios que aínda seguen activos.
“Alicornio. O poder do corno de unicornio na medicina tradicional galega” conta cun prólogo do escritor Antonio Reigosa, experto en mitoloxía popular e literatura de tradición oral. Tamén colaboran Francisco Sutil, João Bieites e Myriam Quintía, que ilustran con debuxos as páxinas desta obra, que xa se presentou recentemente en Verín e Allariz.
Rafael Quintía é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural, e licenciado en Ciencias Empresariais, ademais de escritor e músico tradicional. É membro fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Tamén participou na creación da asociación cultural e grupo de música tradicional Os Chichisos, así como do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca.
Gañou o Premio de investigación Luís Cuadrado 2010 polo seu traballo “A Nosa Señora da Lanzada. Estudio antropológico de un santuario marítimo”. Dirixe a publicación “Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”, e colabora na realización de documentais de temática antropolóxica e etnográfica.











