A situación das enerxías renovables foi obxecto dunha charla impartida na CEO
Alejandro García, responsable de Operacións Réxime Especial de Fenie Energía, foi o encargado de impartir a charla desta mañá, na que fixo un extenso repaso da situación das enerxías renovables no noso país. García fixo referencia, en primeiro lugar, ao Estado Actual do Réxime Especial, con especial atención a Galicia e Ourense.
A continuación, abordou a situación do sector renovable a través do novo marco xurídico e económico que se está a definir no paquete normativo que compón a Reforma Enerxética do Goberno, para finalizar a súa intervención cunha análise das perspectivas de futuro a curto, medio e longo prazo, valorando o papel do autoconsumo e a xeración distribuída no escenario enerxético español.
Por último, Alejandro García tocou o tema da integración das Enerxías Renovables no Mercado Eléctrico e as implicacións que ten no Déficit de Tarifa, ao ser este un tema de actualidade política e económica, xa que o Déficit de Tarifa se constituíu nun problema económico de primeira orde que xerou gran debate e malestar en numerosos sectores.
O ciclo de conferencias sobre a Eficiencia Enerxética no Sector Servizos desenvolveuse ao abeiro do proxecto GE2C’S, de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.











