A sinalización comercial e turística do concello de Ames será unificada e reorganizada

Mesa de Comercio do Concello de Ames
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu unha nova xuntanza da Mesa Local de Comercio. Nesta reunión presentouse un novo proxecto para unificar a sinalización comercial do concello de Ames. Así mesmo, a través desta iniciativa tamén se colocará a correspondente sinalización para anunciar as dependencias municipais e os lugares turísticos máis significativos do concello de Ames. Esta iniciativa, que ten un custo de 40.801 euros, financiarase en gran medida a través dunha subvención concedida pola Consellería de Industria. A Xunta de Galicia achega 30.600 euros, mentres que os 10.201 restantes serán achegados pola Administración local.
A Mesa Local de Comercio estivo presidida polo alcalde de Ames, Santiago Amor. Tamén asistiron a secretaria do Concello de Ames; Bernardo Moar, concelleiro de Comercio; María Eugenia Martín, concelleira de Cultura; dous técnicos do Concello; María Carmen García, representante da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, e Miguel López, representante da Unión de Consumidores de Galicia.
Por parte das asociacións de profesionais e comerciantes do concello asistiron Juan Carlos Zaera, presidente da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns; Salomé Blanco, representante da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, e Juan José Fernández, secretario da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro.
Sinalización comercial
O terceiro punto que se abordou foi a presentación dun novo proxecto para unificar a sinalización comercial do Concello de Ames. A través desta iniciativa preténdese dotar ao comercio local dunha imaxe común que o unifique e permita a súa identificación ante a súa posible clientela. Do mesmo xeito, preténdese dotar as principais rúas comerciais de elementos identificativos que favorezan o tránsito de viandantes e cumpran unha función común, que iguale as forzas publicitarias entre grandes superficies e comercio retallista.
As principais rúas que albergan o sector mercantil no concello de Ames manteñen actualmente unha sinalización a pé de rúa heteroxénea. Deste xeito aparecen multitude de postes de anuncios e sinalizacións direccionais en farois, postes de madeira ou sinais de trafico, que ademais de incumprir a normativa, moitas veces dificultan o tráfico peonil e dificultan a circulación. O Concello pretende que unha vez realizada esta acción se retiren os anuncios e as sinais colocadas de forma irregular.
Coa posta en marcha deste proxecto ofrécese a posibilidade real e económica de dar a coñecer os establecementos comerciais e promocionar unha sinalización común nas principais rúas comerciais do concello. Ao mesmo tempo, a Administración local poderá anunciar as súas dependencias municipais e os lugares turísticos máis significativos, co fin de atraer clientes potenciais e promocionar os seus atractivos.
Para levar a cabo este proxecto preténdese comprar 40 postes publicitarios. O Concello de Ames contratará a subministración e instalación da sinalización direccional formada por un sistema modular de carteis indicadores de 130×30 centímetros. Unha vez colocados todos os postes procederase a sinalización dos edificios institucionais, lugares turísticos e comercios interesados.
No cuarto e último último punto da orde do día atendéronse as propostas, rogos e preguntas dos axentes implicados na Mesa Local de Comercio.











