A Semana do Atlántico Cidade de Vigo supera as expectativas confirmando a presenza de 300 deportistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaVigo
A-
A+

A unha semana do inicio da Semana do Atlántico Cidade de Vigo XXXVIII Trofeo Martín Barreiro a emblemática regata galega supérase a si mesma e xa confirmaron a súa presenza máis de 300 deportistas; e todo iso co prazo de inscrición aínda aberto, polo que a organización estima que en Vigo se darán cita máis de 450 regatistas de toda Europa.

As clases Vaurien, 420, Snipe, Láser e Cadete, primeiras en saír a escena

Esta nova edición da Semana do Atlántico Cidade de Vigo celebrarase en dous ciclos deportivos. O primeiro deles, que se disputará entre o 25 e o 27 de outubro, acollerá as regatas clasificatorias de Cadete e 420 e será cita ineludible para as frotas de Snipe, Láser 4.7, Láser Estándar e Láser Radial.

Pero sen lugar a dúbidas, neste primeiro ciclo deportivo a Copa de España de Vaurien será a proba máis competida e xa confirmaron a súa inscrición máis de medio centenar de regatistas procedentes non só de España, senón tamén de Portugal; aínda que son os españois que teñen máis posibilidades de conseguir o triunfo do Trofeo Martín Barreiro.

Grandes nomes soan con forza a conseguir a vitoria na clase Vaurien. É o caso das primas Laura e Lucía Llópiz, que veñen de facerse co título mundial en Sanxenxo e que na ría de Vigo terán que enfrontarse novamente a Alejandra Suárez e Helena Pérez. En categoría absoluta, non pode pasarse por alto a presenza de Andrés Jiménez, quen navegará con Cristina González e de Pablo Cabello e Javier Lago.

Os mellores regatistas de Optimist de Europa, no Meeting Internacional de Optimist

O Meeting Internacional de Optimist -un dos máis valorados da clase a nivel continental- converteuse nunha cita esencial no calendario de outono da vela lixeira xunto ás probas de Lago dei Garda ou Palma de Mallorca.

Máis de 200 regatiños de Optimist procedentes de toda Europa disputarán a Semana do Atlántico Cidade de Vigo e soan con forza as frota lituana e británica, ademais da portuguesa; aínda que todo parece indicar que serán os españois que pelexarán con forza polo triunfo final; non en van na ría de Vigo estarán Aina Colom -subcampiona europea da clase- ou Alberto Torres -campión de España de Optimist-.

18 de outubro de 2013 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.