A Ruta do Viño do Ribeiro amplía o período das actividades de Tempo de Vendima

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadavia
A-
A+
Explicacións aos visitantes nunha das rutas do viño

Explicacións aos visitantes nunha das rutas do viño

Dende que o sábado día 6 de outubro comezou a primeira viaxe do viño bus da Ruta do Viño do Ribeiro o número de usuarios foi  aumentando en cada fin de semana. Si ben, os inicios foron discretos en canto a participación, a medida que a información se ía difundindo cada vez eran máis os interesados e interesadas que se achegaban á Ruta do Viño do Ribeiro para gozar dunha experiencia única  en Tempo de Vendima.

Descubrir os valores patrimoniais dos recursos turísticos deste territorio, sempre dende a óptica da cultura do viño, ten sido o obxectivo principal destas actividades, e con este fin se deseñaron as rutas do Viño Bus. A paisaxe, as construcións, o patrimonio cultural  que o visitante vai descubrindo en cada ruta conforman a propia cultura vitivinícola desta denominación de orixe, unha das máis antigas de España.

O programa Tempo de Vendima está pensado para gozar da Ruta do Viño do Ribeiro  en todas as súas facetas por esta razón durante os días 26 e 27 de outubro se lles ofrece aos visitantes unha nova oportunidade de participar nas actividades do Viño bus e Túnel do Viño. O viño bus percorrerá o Ribeiro do Avia e o Ribeiro do Miño, ao finalizar as rutas, os participantes poderán degustar máis de quince marcas de viño das adegas adheridas á Ruta do Viño do Ribeiro, no Túnel do Viño que terá lugar na Igrexa da Madalena de Ribadavia.

Sábado 26: Ruta do Ribeiro do Miño. Saída do viño bus ás 16:30 do Castelo dos Sarmiento de Ribadavia. 

Túnel do Viño ás 18:00 horas. Lugar:Igrexa da Madalena.

Domingo 27: Ruta do Ribeiro do Miño. Saída do viño bus ás 11:30 do Castelo dos Sarmiento de Ribadavia. 

Túnel do Viño ás 13:00 horas. Lugar:Igrexa da Madalena. 

Para participar nas actividades hai que inscribirse previamente, a través da Asociación Ruta do Viño do Ribeiro no teléfono 988 472 056 ou no enderezo electrónico rutadelvinoribeiro@gmail.com, ou tamén a través dos teléfonos 988 470 902/699 062 427

Esta actividade é gratuíta para todas as persoas que estean aloxadas nos establecementos da Ruta do Viño do Ribeiro. 

24 de outubro de 2013 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.