A risoterapia invadirá San Sadurniño cos obradoiros programados para o mes de novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A risa é un exercicio san para a mente e para o corpo. Un exercicio que facemos de forma espontánea ante cousas graciosas pero que tamén se pode inducir a través dunha actividade en grupo e con fins saudables. O Concello de San Sadurniño organiza un obradoiro de risoterapia que o ofrecerá a todas as persoas participantes un espazo para demostrar a súa capacidade para sentir e crear, liberándose a través do camiño da gargallada. Esta actividade desenvolverase nos locais sociais das sete parroquias sempre e cando se xunten grupos de, polo menos, 8 persoas.

Nas sesións utilizaranse técnicas e exercicios que nos axudarán dunha maneira sinxela a mellorar a nosa saúde, dado que cando rimos de verdade exercitamos o sistema circulatorio, o respiratorio e muscular do noso corpo.

Con esta actividade preténdese coñecer os beneficios da risa, practicar movementos, desbloquear o corpo e relaxarse. Ademais, os obradoiros tamén axudan a esinhibirse e establecer unha relación de complicidade coas demais persoas participantes. O obxectivo principal é aprender diferentes técnicas para provocar a risa espontánea e a gargallada coa finalidade de sentir os beneficios fisiolóxicos, psicolóxicos, emocionais e sociais que garante unha boa risada.

O obradoiro de risoterapia desenvolverase durante o mes de novembro nos distintos locais sociais das parroquias de San Sadurniño, aínda que as datas concretas están aínda por determinar. Para levar a cabo esta actividade será preciso xuntar grupos de polo menos 8 persoas en cada local.

Para apuntarse abonda con pasar polas oficinas do Concello de San Sadurniño ou chamando aos teléfonos 98490027. A data límite é o 18 de outubro.

7 de outubro de 2013 | 12:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.