publicidade hoxe

A reserva das Mariñas Coruñesas fai un chamamento aos 18 municipios para elevar propostas ao plan de xestión 2013 -2017

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondo
A-
A+

“A nosa reserva da biosfera é un bebé de 4 meses que necesita de todos para crecer”. Así resumía o presidente da reserva de biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso, o proceso de traballo no que están inmersas agora mesmo todas as entidades públicas e asociacións xestores da reserva: a elaboración do plan de xestión 2013 -2017.

O Borrador deste plan de xestión está a disposición pública na páxina web da reserva de biosfera (www.biosferamarinasmandeo.com). Este borrador estase a debater nas diferentes mesas sectoriais que conforman o GDR Mariñas – Betanzos que, xunto coas achegas e propostas que se fagan dende outros ámbitos configurarán o plan de xestión 2013-2017 definitivo.

O espírito co que o GDR concibiu a reserva de biosfera foi a participación cidadá. De feito, o plan estratéxico considera a creación dun Comité de Participación que terá así mesmo relevancia no Comité de Dirección. Santiso sempre tivo claro que unha das razóns do éxito da candidatura á reserva de biosfera foi que naceu dende os colectivos cidadáns ata chegar ás administracións públicas máis elevadas. E agora, nesta fase de crecemento de lareserva, quere que isto siga sendo así.

Por iso as mencionadas mesas sectoriais, compostas por asociacións da bisbarra dos diferentes ámbitos, están a debater o documento. Pero a dirección da reserva aposta por ir máis alá e que calquera outra agrupación ou cidadáns de forma individual teñan voz neste proceso. Así, Santiso fai un chamamento a que calquera asociación ou veciño dos 18 municipios, con interese en realizar suxestións e ideas para o futuro da reserva, participe facendo chegar as súas achegas. E mesmo formando parte do Comité de
Participación.

“A maior fortaleza dás Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo son vos 190.000 motores que a fan posible”, afirmou. Para participar neste proceso pódese encontrar toda a información necesaria en www.biosferamarinasmandeo.com. O período para recibir propostas concluirá o próximo 31 de outubro.

Mesa redonda das 6 reservas galegas

O presidente realizou estas manifestacións no transcurso da xornada sobre as oportunidades para o territorio que carrexan as reservas da biosfera celebarada hoxe no CEIDA. O encontro propiciou o intercambio de experiencias e a divulgación das posibilidades futuras desta figura ao contar cos xestores das 6 reservas da biosfera galegas.

De especial interese resultou o testemuño da representante da Deputación de Lugo, que xestiona a reserva de biosfera Dos ancares. Explicou as dificultades de aceptación que ten a denominación ao ter sido “imposta” ao cidadán, unha situación antagónica á levada a cabo Nas mariñas Coruñesas. O alcalde de Allariz, Francisco García, en representación da reserva de biosfera da zona, resaltou as oportunidades que están a aproveitar para a comercialización de produtos autóctonos, como a carne de boi ou a xabón elaborada con leite de burra.

O rexedor sinalou que a creación da reserva en 2005 permitiu tanto un “reclamo” para o turismo e o desenvolvemento económico, coma un modo de sensibilización á cidadanía. Santiso mostrouse convencido da necesidade de establecer unha colaboración entre as 6 reservas galegas para tirar proveito conxunto e facer forza. Avanzou, tamén que como membro da comisión de seguimento do Plan de Desenvolvemento Rural xa solicitou que parte dos fondos europeos que correspondan a Galicia no novo período se destinen ás reservas galegas.

O Programa MAB (Men and Biosphere), que é o que impulsa as reservas da biosfera da Unesco, tamén estivo presente en Santa Cruz. O secretario do seu comité científico, Pablo Ramil, expuxo o público, unhas 50 persoas, a importancia que supón a entrada Das mariñas como reserva mundial. Pola súa banda, o profesor da Universidade de Sao Paulo, Antonio Carlos Diegues, asesor do goberno brasileiro, explicou a experiencia da reserva da biosfera da Mata Atlántica. E o secretario do Programa MAB en España, Francisco José Cantos, deu a coñecer o traballo da rede española de reservas da biosfera.

 

22 de outubro de 2013 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.