A reordenación do tráfico na contorna da capela de San Xosé permite gañar prazas de aparcamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O remate dos traballos de asfaltado na nova vía urbanizada detrás da capela de San Xosé permite poñer en marcha esta fin de semana a nova reordenación do tráfico rodado neste espazo. A medida, que entrará en vigor a partir de mañá converterá so accesos en vías de único sentido co obxectivo de aportar maior seguridade e fluidez na circulación e tamén permitirá a creación de novas prazas de estacionamento. Está previsto que os traballos de pintado e colocación da sinalización vertical rematen entre hoxe e mañá.

O concelleiro de Seguridade e Policía Local, Benito Pérez Dorgambide, informou dos cambios que se porán en marcha a partir de mañá. A reordenación do tráfico xira en torno á capela de San Xosé que actuará a modo de isleta ó redor da cal circularán os vehículos. As dúas vías que quedan a ambos lados da capela será de sentido único. A máis próxima á praia Concha, -a que está pegada ao edificio do bazar chino- será de entrada mentres que a pegada ao supermercado Mercadona será de saída.

A reordenación afecta tamén á vía anterior, á situada ao remate da praia da Concha e pola que se accede ao depósito municipal de vehículos. Por motivos de seguridade ao atoparse nas inmediacións unha parada de transporte público e para facilitar as labores de acceso e incorporación dos vehículos á Avenida Rosalía de Castro, esta rúa tamén será de sentido único de entrada cara á Rúa Mulatas que enlaza coa zona de San Xosé.

Os traballos de pintado da sinalización horizontal comezaron hoxe, ao igual que a colocación das sinais verticais.

Tamén se pintarán as novas prazas de aparcamento que se crean nas tres trúas afectadas pola nova regulación circulatoria, que gañan espazo ao engadirse o novo acceso dun lateral da capela. Ademais, tamén se habilitarán estacionamentos na explanada que queda libre diante da propia capela e que integra a especie de isleta que conformará o conxunto.

30 de outubro de 2013 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.