A regatista Movistar ofreceu unha clase maxistral de vela en Portosín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalPorto do Son
A-
A+
Os regatistas na proba realizada en Portosín

Os regatistas na proba realizada en Portosín

O Real Club Náutico de Portosín, situado na ría de Muros e Noia da Coruña, foi o punto de encontro da sexta das oito clases maxistrais que organiza Movistar xunto coa Federación Galega de Vela. O obxectivo, traer a Galicia aos mellores regatistas do mundo e nesta ocasión foi a campioa olímpica Támara Echegoyen a encargada de guiar a un nutrido grupo de regatistas nunha Máster Class de vela cruceiro.

En total, 18 participantes divididos en dúas quendas -un de mañá e outro de tarde- puideron gozar dunha clase maxistral de luxo coa regatista galega e ampliar os seus coñecementos de vela cruceiro tanto en terra coma na auga. Sen dúbida, unha xornada que moitos describiron como “unha oportunidade única para gozar do deporte da vela e aprender dunha campioa olímpica”.

Portosín, punto de encontro da sexta Master Class de Movistar

A primeira hora da mañá o primeiro grupo de participantes reuníase nas inmediacións do Real Club Náutico de Portosín para vivir unha experiencia única: toda unha mañá de clase baixo as ordes da primeira medalla de ouro olímpica feminina na historia do deporte galego.

Durante a charla previa á navegación, os participantes mostráronse ansiosos por coñecer mellor a campioa olímpica en Londres 2012 e non deixaron de mostrar curiosidade pola súa carreira deportiva e as súas experiencias na vela olímpica e de cruceiro, e é que tal e como afirmaban moitos, non todos os días se ten diante unha das mellores regatistas do mundo para aprender da súa experiencia e empaparse dos seus coñecementos.

Así, ao fío das 12:00 horas, o primeiro grupo de participantes no clinic de Movistar botábase á auga con Támara Echegoyen á cana do barco. Por diante, máis de dúas intensas horas de navegación na que a tripulación aproveitou para absorber toda a información e escoitar con atención os consellos da galega durante a clase práctica de vela cruceiro.

Finalmente, tras unha pausa de pouco máis dunha hora para comer chegaba a quenda do segundo grupo, que ao igual que o primeiro afrontaba a Máster Class de Movistar con grande expectación e ganas de gozar dunha xornada única.

O clinic con Támara Echegoyen está previsto que finalice esta tarde tras a segunda xornada de navegación ás 19:00 horas. As Máster Class de Movistar continuarán durante o mes de outubro en Galicia.

O barco de volta ao mundo na próxima Máster Class de Movistar

Tras gozar das clases maxistrais de Gisela Pulido, Iván Pastor, Silvia Mas, Fernando Echávarri, Iker Martínez e Támara Echegoyen, chega a quenda do VO70 que participou na Volvo Ocean Race 2008-2009 e será durante os días 19 e 26 de outubro en augas de Sanxenxo e Vigo respectivamente.

Á fronte destas dúas últimas Másters Class estarán, nada máis e nada menos, que un grupo de regatistas océanicos de entre os que destacan Antonio “Ñeti” Cuervas Mons, Pablo Arrarte e Pablo Iglesias entre outros.

14 de outubro de 2013 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.