A próxima semana comezará a instalación das escaleiras mecánicas na rúa Plaza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña informa de que o próximo mércores, 23 de outubro, empezará a instalación das escaleiras mecánicas na rúa Plaza, un proxecto do departamento de Infraestruturas que conta cun investimento de 133.846 euros e un prazo de execución aproximado de mes e medio.

Con esta actuación, o Goberno municipal busca mellorar o día a día dos residentes na zona e das persoas que realizan as súas compras no mercado de San Agustín. Con respecto ao presuposto de licitación, o Concello logrou un aforro do 12% no proxecto tras presentarse 9 empresas.

A escalinata actual comunica o mercado municipal de San Agustín coa rúa Plaza, un dos accesos peonís á praza de España. Trátase dunhas escaleiras cun ancho de 6,20 metros e un elevado número de chanzos. Por esta circunstancia, o Concello, no seu compromiso de facer da Coruña unha cidade accesible, puxo en marcha o seu plan para dotar de ascensores e escaleiras mecánicas diversos puntos que presentan problemas de mobilidade, entre os que se encontra a rúa Plaza.

O prazo de execución dos traballos é de mes e medio. Unha vez desmontada a rampla intermedia que divide en dous tramos a escaleira orixinal, realizaranse as seguintes actuacións:

– No tramo da derecha,conservación da escaleira existente cun ancho de 3 metros e creación dun chanzo máis. Contará con pasamáns en ambos os dous lados.

– Desmontaxe da pedra para instalar unha escaleira mecánica dun ancho de 1,20 metros, aproximadamente.

– Realización dunha nova escaleira de paso libre de 1,20 metros para adaptar o percorrido e as dimensións ás características da Lei de Accesibilidade e Supresión de Barreiras Arquitectónicas na Comunidade de Galicia.

A futura escaleira mecánica da rúa Plaza terá unha capacidade de transporte de 6.000 persoas por hora e será específica para espazos abertos. Neste sentido, dende o punto de vista estético, o proxecto da área de Infraestructuras terá as seguintes características:

– Decoración para intemperie.
– Balaustrada dun metro de altura en vidro e aluminio.
– Pasamáns de caucho en cor negra.
– Chanzos en aluminio de cor gris prata.
– Revestimentos exteriores laterais e inferiores en aceiro inoxidable.

TRÁFICO

Con motivo da instalación desta escaleira mecánica, a Concellaría de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público aproveita para informar de que a partir de mañá, luns 21 de outubro, ás 08.00 horas, será necesario ocupar a zona de aparcadoiro na esquina entre as rúas Juan XXIII, Pío XII e Praza para traballos de carga e descarga de material. En todo momento, facilitarase a mobilidade dos peóns.

20 de outubro de 2013 | 12:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.