publicidade hoxe

A Policía Local de Culleredo sorprende a 4 mozos realizando pintadas nunha ponte sobre a vía de tren

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal Portada
A-
A+
Material requisado

Material requisado

O Concello de Culleredo afronta o problema dos danos ao patrimonio público que causan as pintadas. Un dispositivo especial da Policía Local, unida á necesaria colaboración cidadá, trata de impedir este tipo de accións, especialmente nas zonas urbanas. Este plan logrou un importante resultado esta semana, coa identificación de catro novos cando realizaban pintadas na ponte sobre a vía de ferrocarril, xunto á rúa Miramar, en Fonteculler.

Os feitos tiveron lugar o pasado mércores, 2 de outubro, sobre as 7 da tarde. A chamada duns veciños da zona alertou a Policía Local que se desprazou de inmediato ao lugar para proceder á súa identificación.

Trátase de catro mozos, varóns, coas seguintes iniciais:

– A.B.C, nacido en 1990, natural de Arteixo
– I.D.R, nacido en 1991, natural de Cambre
– D.M.L, nacido en 1988, natural de Narón
– F.J.G.F, nacido en 1986, natural de Culleredo

Na operación, a Policía Local interveu os presuntos autores un total de 26 sprays, un bote branco de pintura de cor branca e varios rolos. O primeiro tenente de alcalde e responsable de Seguridade Ciudadana de Culleredo, José Ramón Rioboo, anuncia que a Policía Local continuará con este plan para evitar as pintadas con controis exhaustivos nos que tamén participarán axentes de paisano. “Poñeremos todos os medios ao noso alcance para impedir unha conduta que dana gravemente tanto a bens públicos como privados”, asegura.

Rioboo apunta á colaboración veciñal como “crave” para deter a acción dos vándalos. “É fundamental que cando calquera cidadán observe este tipo de accións avise inmediatamente á Policía Local para que dea unha resposta inmediata”, sinala.

O Concello de Culleredo dispón de dúas zonas públicas destinadas á realización de graffiti: o túnel baixo a autoestrada no acceso ao CEIP Díaz Pardo e o túnel da estrada de Castro-Laxar. Os graffiteros reutilizan cada pouco estes espazos para facer novas creacións, unha forma artística que nada ten que ver coas pintadas indiscriminadas e non autorizadas que prexudican paredes, mobiliario urbano ou portas de garaxes.

5 de outubro de 2013 | 11:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.