A ordenanza de tráfico de Ourense modificarase para facilitar o acceso dos residentes no Casco Vello
O Concello de Ourense modificará a ordenanza de tráfico para facilitar a accesibilidade ás súas vivendas dos veciños residentes na zona vella da cidade. A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza desta mañá o proxecto de modificación da ordenanza, que deberá ser presentado ante o Pleno do Concello para a súa aprobación.
O Concello avanza así no cumplimento da moción aprobada polo Pleno do Concello de 5 de abril que propoñía a modificación da Ordenanza Municipal de Tráfico e Circulación aprobada no pleno de 3 de setembro de 2010 no seu Anexo II, adicado ao réxime circulatorio do Casco Vello.
O Casco Vello, Ben de Interese Cultural, conta cun réxime especial de tráfico definido no Anexo II da ordenanza, polo que só poden acceder ás súas rúas os vehículos autorizados.
O principal cambio da ordenanza afecta aos residentes no Casco Vello, xa que ata o de agora só dispoñían de tarxeta magnética de acceso os propietarios ou alugueiros de vivenda con praza de garaxe e os propietarios de praza de garaxe. Co proxecto de modificación aprobado esta mañá tamén contarán con tarxeta de acceso tódolos titulares ou arrendatarios de viviendas do Casco Histórico, ainda que non dispoñan de praza de garaxe, para permitir o seu acceso ás vivendas. Ademais dos residentes, tamén poden acceder os usuarios de garaxes, servizos especiais e comerciantes.
Taxeta e distintivo
O proxecto de ordenanza indica que para acceder ao Casco Histórico, é necesario que os vehículos conten coa preceptiva tarxeta magnética e un distintivo no que constará a matrícula do vehículo autorizado. Isto individualiza o dereito de acceso nas condicións determinadas na autorización concedida a cada titular segundo sexa residente, usuario de praza de garaxe, teña un negocio na zona ou preste un servizo urxente ou imprescindible á comunidade.
1. Residentes. Concédese a aquelas persoas físicas titulares ou arrendatarias de vivendas sitas na área do Casco Histórico, para todos os vehículos de uso ou servizo particular dos que sexan titulares. Terá un distintivo co contrasinal “R”, permitindo o acceso polas portas máis próximas á súa residencia sen ningunha limitación de días ou de horario, con entrada e saída próxima ao domicilio, non podendo en ningún caso superar o estacionamento do vehículo autorizado os 20 minutos, debendo en todo momento cumprir as prescricións establecidas na lexislación vixente en materia de tráfico, circulación de vehículos motor e seguridade vial aos únicos efectos de carga ou descarga.
2. Usuarios de garaxes: Concédense a aquelas persoas físicas que por calquera título utilizan un garaxe situado no Casco Histórico, aínda cando non sexan residentes. Terá un distintivo co contrasinal “C”, permitindo o acceso polas portas máis próximas ao lugar do garaxe, sen ningunha limitación de días ou de horario, con entrada e saída próxima ao lugar de estacionamento, debendo en todo momento cumprir as prescricións establecidas na legislación vixente en materia de tráfico, circulación de vehículos motor e seguridade vial.
3. Servizos Especiais: Concédense a Institucións e servizos de carácter urxente ou de rigorosa necesidade. O distintivo ten o contrasinal “S”, e permite a prestación dun servizo urxente ou a realización dunha actividade imprescindible para a comunidade.
A modificación do anexo da ordenanza municipal inclúe tamén a documentación a presentar para dispoñer de cada un dos permisos, as rúas de entrada e saída ao Casco Vello e o réxime sancionador en caso de infracións.
Trala aprobación, esta mañá, por parte da Xunta de Goberno Local, do proxecto de modificación da ordenanza, abrirase un prazo de 10 días para que os grupos políticos podan presentar emendas. Posteriormente, o documento será presentado a aprobación inicial por parte do Pleno do Concello, órgano competente tamén para a súa aprobación definitiva, tras a resolución de reclamacións e suxestións.











