A oposición vilagarcián poderá consultar o PXOM no Concello, mentres non se habilita unha fórmula para toda a cidadanía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A tramitación da revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal realizarase con total transparencia e dando á oposición e aos veciños todas as facilidades e tempo necesarios para coñecer o proxecto antes de que se abra o período de exposición ao público e de presentación de alegacións. Todos os grupos da Corporación poderán consultar o contido do Plan nas oficinas municipais, entretanto non se habilita unha fórmula para facelo accesible a toda a cidadanía, vía internet, por exemplo.

Nesta liña de transparencia enmárcase a reunión informativa que se celebrou onte no Concello co obxectivo de dar a coñecer aos grupos da oposición as liñas mestras e a filosofía e obxectivos principais do proxecto. Nese encontro, os concelleiros tiveron a súa disposición ao equipo redactor e aos técnicos municipais para resolver as preguntas ou dúbidas xurdidas.

A intención era, pois, que os grupos puideran comezar a traballar sobre unha base sólida. Así, ademais das explicacións do equipo redactor, os grupos teñen a súa completa disposición todo o proxecto do PXOM no Concello para consultalo cando e canto desexen ou necesiten, e onde terán aos técnicos municipais para resolver calquera dúbida. Non hai que esquecer que se trata dun documento moi extenso, composto por catro voluminosas caixas arquivadoras, que aínda non pasou por órgano colexiado algún, e que o desexo do goberno local é lograr a maior colaboración e apoio social e político posible arredor deste documento.

De xeito paralelo á difusión do plan nesta fase inicial, proseguirase coa súa tramitación diante dos distintos organismos da Xunta de Galicia que teñen que informalo. O goberno local considera que despois dos anos que se leva esperando pola necesaria revisión do documento máis importante para o desenvolvemento da cidade, non se debe demorar máis.

VALORACIÓN DAS CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Partindo destas premisas, o goberno local non pode máis que lamentar fondamente o ton das valoracións realizadas polos grupos da oposición trala reunión informativa mantida onte. Actitude que pon de manifesto, unha vez máis, que hai quen opta pola crítica en lugar de pola colaboración e pola destrución en vez da construción. Cabe lembrar, neste sentido, que estamos a falar dun Plan Xeral de Ordenación Urbana do que dependerá o futuro desenvolvemento da nosa cidade durante as vindeiras décadas, polo que o equipo de Tomás Fole espera que “unha vez coñecido o documento, aporten algo máis que críticas”.

Por outro lado, volve a chamar a atención as incongruencias nas que incorren os grupos da oposición, “xa que primeiro din que a reunión non lles serviu de nada porque non coñecen o Plan e, a continuación, falan e critican aspectos do documento terxiversando os mesmos”. Por exemplo, cando falan das zonas verdes: coa actual normativa urbanística, á que o PXOM ten que adaptarse, claro que Vilagarcía necesita máis zonas verdes, o que non quere dicir que antes non cumprira coa lei entonces vixente. A solución para incrementar esas zonas non pode ser a que algúns propoñen: “non estamos nunha sociedade comunista na que, ante a falta de solo público e recursos para adquirilo, o Concello recorra á expropiación forzosa para facer xardíns ou o que sexa, privando aos veciños das súas posesións por imposición municipal e por un prezo que seguramente non sería do seu agrado”, argumenta o goberno local.

Ao equipo de Tomás Fole sorpréndenlle especialmente as declaracións da voceira socialista, Tania García, á que hai que lembrarlle que, como última concelleira de Xestión do Territorio, foi a responsable da revisión do PXOM, e nun goberno no que participaba tamén o BNG. Uns e outros foron os responsables do atraso acumulado na tramitación e agora son -como se non fora con eles- os adalides da defensa do Plan.

O caso de IU-EU tamén é particular. Co seu apoio, implícito ou explícito ao bipartito, cando non a súa deixadez na labor de oposición, foi tamén responsable do atraso acumulado na revisión do PXOM que agora din que é tan necesaria, e o seu interese e coñecemento quedou ben demostrado cando se presentou o documento de “avance” e a formación que lidera o señor Fajardo non presentou alegación nin proposta algunha.

9 de outubro de 2013 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.