A Oficina de Rehabilitación da Vivenda de Marín cumpre o seu primeiro ano de vida

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

A posta en marcha da Oficina en outubro do 2012 supuxo a tramitación dun total de 165 expedientes, dos que 157 corresponden a edificios e vivendas dentro da Área de Rehabilitación Integral (ARI) Vila de Marín. Nesta 1ª fase resultaron beneficiarios das axudas un total de 43 expedientes e quedaron 50 á espera dunha nova convocatoria. As obras de rehabilitación destes 43 expedientes deberán estar rematadas entre o  presente ano e os vindeiros 2014 e 2015.

Unha das primeiras actuacións na ARI tivo lugar o pasado mes de xuño coa substitución dunha galería de madeira, conservando e revalorizando así a aplicación de materiais tradicionais no proceso da rehabilitación edificatoria. Na actualidade, atópanse en execución 3 actuacións que reflexan a diversa tipoloxía dos edificios no ámbito da Ari e que van dende a mellora da envolvente exterior dunha vivenda tradicional na rúa de Ribeira de Arriba e dun inmoble dos anos 70 na coñecida rúa Real, ata a mellora da accesibilidade nos baños dunha vivenda pertencente a un bloque de edificios na Rúa do Sol.

Cumprindo a previsión de actuacións en vivendas e edificios da ARI e co obxectivo de seguir traballando  na recuperacion do valor patrimonial do conxunto urbano, estase á espera da publicación dun decreto autonómico que regule as vindeiras convocatorias segundo os programas de axudas que se recollen no Plan Estatal 2013-2016 publicado no BOE o 10 de abril. Recentemente acaban de publicarse as bases reguladoras e convocatoria de axudas para a rehabilitación enerxética de edificios existentes do sector residencial que promove o IDAE, incompatibles coas axudas do novo Plan Estatal.

Na procura de información sobre as presentes axudas e ante as próximas convocatorias, poden achegarse á Oficina de Rehabilitación sita na rúa Méndez Núñez, 51, Entreplanta de luns a venres de 9 a 13 h e os mércores tarde de 16 a 19.30 h, contactar no teléfono 986 890 488, correo electrónico ari@concellodemarin.es ou a través da páxina web do Concello de Marín.

24 de outubro de 2013 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.