A oferta centrada no público familiar comeza o VI Mes do Teatro en Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A concellaría de Cultura, dirixida por Carme Hermida, presenta o VI Mes do teatro que comeza mañá coa actuación de Malasombra Teatro no Centro sociocultural da Ramallosa ás 21:00 horas coa obra cómica “Go On!”. Dende hai seis anos o mes de outubro en Teo está identificado coa escea teatral e poderanse ver actuacións durante todas as fins de semana. Todas as funcións serán no Centro Sociocultural da Ramallosa e a entrada é de balde.

Dende Cultura destacan que a oferta “ademais de ampla e variada atende de xeito especial ó público familiar con varias actuacións para eles”. Precisamente o sábado 12 ás 18:30 horas Berrobambán Teatro presenta a obra Refugallo para os máis pequenos/as. O venres 18 á mesma hora será a quenda dos Quinquilláns Teatro coa súa peza “Merlín” tamén apta para toda a familia. O apartado específico para nenos/as péchase o sábado 26 ás 18:30 horas con Baobab Teatro e o seu espectáculo “Bailando cos contos”.

Dentro do mes do teatro tamén se programaron actuacións nos colexios. Os Quinquillláns Teatro levarán os seus “Contos de Morgana e Artur” o mércores 16 ó CEIP dos Tilos, o xoves 17 á Ramallosa e o venres 18 a Calo.

As actuacións previstas para o público adulto continuarán, despois da actuación de mañá, o sábado 19 ás 21:00 horas co Cadro Artístico Airiños que presenta “Cabaré dos 80 anos de Airiños”. O domingo 20 o obradoiro municipal de Teatro representa ás 19:00 horas “Farsa Plautina” tamén para todos os públicos. O venres 25 ás 20:00 horas Branca Novo Neyra-Danza presenta o espectáculo “Aneis”.

Dende a Concellaría de Cultura animan ós asistentes ós espectáculos a que colaboren co Banco Veciñal de Alimentos de Teo entregando produtos non perecedeiros o mesmo día da función no local.

O VI Mes do Teatro está organizado polo Concello de Teo e conta coa colaboración da Deputación da Coruña e de Agadic.

4 de outubro de 2013 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.