A mellora da praza de abastos de Portonovo suporá un investimento de 41.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraSanxenxo
A-
A+
Cores Tourís na visita á praza de abastos

Cores Tourís na visita á praza de abastos

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o mercado de abastos de Portonovo, no concello de Sanxenxo, onde se van por en marcha obras de renovación destas instalacións municipais. Na visita estivo acompañado pola alcaldesa da localidade, Catalina González, así como polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial.

Estas obras teñen como obxectivo a potenciación do comercio local deste municipio. Neste senso, Cores Tourís insistiu no interese da Consellería de Economía e Industria de traballar en pro da revitalización do comercio de proximidade e da creación dunha rede galega de mercados de abastos excelentes. “A estas axudas haberá que sumar os 52.600 euros en subvencións que acaban de recibir as asociacións de comerciantes e praceiros desta localidade por parte deste departamento autonómico para a dinamización económica do comercio local”, engadiu o delegado territorial.

“Seguindo esta liña de actuación, a Consellería concedeu unha subvención a este concello encamiñada á remodelación da fachada desta infraestrutura, así como para a construción dun novo almacén”, explicou Cores Tourís, quen destacou que se trata da cuarta fase da reforma deste edificio. O proxecto presentado polo municipio para esta fase rolda os 41.000 euros, dos cales, case 31.000 euros serán aportados pola administración autonómica.

Os traballos consistirán, en concreto, na execución dunha nova fachada na zona das bancadas onde se venden froitas e verdura, que evite a entrada directa do sol, dando así sombra á sección de froitería, así como na construción dun novo almacén a disposición dos comerciantes na zona de acceso.

As obras executaranse a través da nova orde de axudas publicada pola Consellería de Economía e Industria destinará 1,5 millóns de euros á mellora de investimentos en mercados e en infraestruturas comerciais da provincia de Pontevedra, “o que significa o 32,5% do total destinado á comunidade autónoma”, explicou Cores Tourís.

“A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais, e especialmente, das prazas de abastos, constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio de proximidade, que é un dos motores económicos de todos os concellos”, engadiu o delegado territorial. “Para estes efectos, as actua¬cións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles. É preciso, polo tanto, acondicionar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores”, apontou.

Axudas á asociacións

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra tamén fixo referencia ás accións de impulso ao comercio a través das axudas a federacións e asociacións de comerciantes.

Neste ano, o CCU Entretendas de Sanxenxo, recibiu unha subvención de 33.000 euros de cara a dinamización e revitalización deste centro comercial aberto, mentres a Asociación da praza de abastos de Portonovo e Sanxenxo poderán destinar, respectivamente, 9.798 e 9.800 euros a accións de potenciación do comercio local.

A maiores destacar que dende 2009 ata 2012, o CCU do concello de Sanxenxo recibiu 251.141,74 euros encamiñadas a dinamización do centro comercial, e as asociacións de praceiros de Portonovo e Sanxenxo, co mesmo fin, obtiveron en total 150.332,48 (61.497,3 e 88.835,18, respectivamente)

A estes datos cabe engadir tamén o investimento que o Consorcio do Comercio do Salnés está a realizar para o apoio ao comercio de proximidade neste concello e no resto da comarca do Salnés. Esta federación recibiu dende 2009, 215.600 euros destinados a este fin dende a Consellería de Economía e Industria. A axuda correspondente a este ano supera os 40.400 euros.

23 de outubro de 2013 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.