A manipulación e o traslado de bens culturais no Museo de Pontevedra é sometida ao análise de expertos dos principais museos do país
Expertos dos principais museos de España acudirán do 13 ó 15 de novembro a Pontevedra para analizar e debater sobre a manipulación e o traslado de bens culturais no III Congreso de Conservación e Restauración, que organizan o Museo de Pontevedra e a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.
O Congreso terá lugar no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e os interesados poderán inscribirse ata o 11 de novembro na secretaría do Museo; a día de hoxe están inscritas 128 persoas. Así o anunciaron esta mañá en rolda de prensa a deputada provincial Ana Isabel Vázquez e o director do Museo, Carlos Valle.
A deputada subliñou a necesidade de organizar encontros coma este para contribuír ó mellor “mantemento e conservación da nosa cultura e do noso patrimonio”, xa que ata o de agora non existe en Galicia ningún congreso centrado na restauración de bens culturais; o que organizan a Deputación e a Escola de Restauración non só é único nesta comunidade senón un dos poucos que se organiza en toda España.
Así, para chegar ó maior número de persoas interesadas, as xornadas tamén se transmitirán a través da rede, en streaming.
A temática elixida nesta ocasión obedece á necesidade de afondar nos coñecementos sobre os mellores procedementos para o traslado e a manipulación dos bens culturais, nun momento no que é moi frecuente a mobilidade destes elementos tanto para a organización de exposicións itinerantes e temporais coma para o proceso de remodelación que se está a realizar en moitos museos.
Expertos de primeiro nivel
Carlos Valle explicou que as xornadas contarán coa participación de expertos de primeiro nivel, procedentes de centros da categoría do Guggenheim de Bilbao, o Museo Arqueolóxico Nacional, o Museo do Prado, o Centro Nacional de Arte Raíña Sofía ou o Museo Nacional de Arte de Cataluña.
O Congreso estrutúrase en tres bloques. No primeiro deles, que se desenvolverá o 13 de novembro, abordarase a manipulación e conservación dos bens culturais e a mobilidade dentro do propio museo; analizarase un caso práctico, o da remodelación do Museo Arqueolóxico Nacional e a xestión que durante esta remodelación se fixo das coleccións, sobre o que versará a intervención de Teresa Gómez Espinosa, do citado Museo Arqueolóxico.
O segundo día falarase da itinerancia internacional e da xestión dos préstamos de obras de arte, utilizando como exemplo práctico a montaxe da exposición Pompeya, catástrofe baixo o volcán, da que falará o seu máximo responsable, Jordi Segura, da empresa Artpercent.
Por último, o día 15 será o Museo de Pontevedra o protagonista, coa intervención do director do centro, Carlos Valle, que disertará sobre os criterios que se seguiron para a musealización do Sexto Edificio e do Sarmiento; tamén intervirán os responsables da empresa encargada de facer efectiva esa distribución das coleccións, que explicarán o procedemento que se seguiu para levar á práctica esa musealización.











