A Mancomunidade de Ordes preséntase como exemplo de colaboración e axuda co préstamo de bens e servizos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

Os Concellos que formamos a a Mancomunidade de Ordes apostamos pola colaboración e a compartición mutua e voluntaria de moitos dos nosos bens, recursos e servizos. Sobre todo tendo en conta situacións como a actual, na que é preciso o aforro en moitas áreas debido á crise económica que está a atravesar o país”. Son palabras do presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Manuel Regos, e respaldadas por cada un dos sete concellos que a integran. Unha actitude coa que se da un paso máis aló do estrictamente estipulado nos servizoa mancomunados que se prestan, como pode ser o CIM, o de atención temperá, os servizos sociais ou a labor do axente de emprego.

Carpas para celebracións e festexos; escenarios e palcos portátiles; mobiliario destinado a xuntanzas e eventos de  diversa índole, como sillas, mesas, bancos, mostradores, etc. Incluso ante situacións de urxencia cabe a posibilidade de que se solicite maquinaria e ferramenta a para solventar algún incidente. Pero esta axuda intermunicipal vai máis aló do material e chega á dotación de servizos. Este é o caso da Policía Local de Ordes, a cal ten acudido tras a chamada dalgún concello veciño no que se sabía de antemán da congregación dun gran número de persoas. “Nese caso acúdese para poder ofrecer garantías de seguridade e dirixir á circulación ou asesorar na distribución e movemento dos asistentes”, aseguran dende o retén policial ordense.

A pesar de que non hai un inventario oficial de todos os bens que se poden intercambiar os membros mancomunados “pódese dicir que todos vimos sabendo o que posúe cada un de nós”, asegura Regos. Un coñecemento dado “pola comunicación constante que temos entre os alcaldes e representantes da Mancomunidade, xa que como mínimo unha vez ao mes nos xuntamos para celebrar as sesións plenarias. É entón cando ademais dos puntos da orde do día tamén nos poñemos ao corrente como veciños que somos”. Un espíritu de entendemento e unión que ven corroborado pola traxectoria histórica desta Mancomunidade, que é a máis antiga de Galicia e que a día de hoxe todos queremos seguir mantendo”.

Con este xeito de proceder preténdese incidir máis na idea de conxunto entre todos os organismos de titularidade municipal, así como na de traballo en equipo e na unificación de esforzos de cara á prestación de servizos públicos. “Os primeiros en demostrar as ventaxas que se poden acadar a través das mancomunidades somos nós, polo que colaboracións desta índole son, ademais da nosa responsabilidade como xestores, unha fórmula excepcional de cara á cidadanía de demostrarlle o respeto que nos merecen. Por iso non compartimos as críticas, comentarios negativos e desconfianzas que nalgún momento se chegaron a verquir sobre a cesión dalgún destes bens entre nós, xa que van en contra do nosa filosofía e en contraposición do que entendemos por prestar un servizo público financiado con fondos públicos”, conclúe o presidente.

31 de outubro de 2013 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.