A Mancomunidade de Ordes inicia entre a súa poboación académica o Programa Igualar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOrdes
A-
A+

Dende esta semana e ata o vindeiro mes de novembro os centros académicos dos sete concellos que constitúen a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes está a levar a cabo o Programa Igualar. Unha iniciativa coa que se persegue a promoción da igualdade ente mulleres e homes e incidir na prevención e tratamento integral da violencia de xénero. Concretamente está dirixido ao alumnado que vai dende primeiro ata cuarto da ESO. O programa Igualar nace co fin de formar críticamente á poboación xuvenil para medrar, desenvolverse e relacionarse plenamente sen prexuízos sexistas. O órgano encargado de poñer en marcha esta iniciativa é o Centro de Información á Muller conxuntamente cos concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo.

A metodoloxía aplicada consiste en dúas sesións por aula nas que se están abordando as temáticas das habilidades sociais, igualdade e violencia de xénero e o bo trato e as relacións igualitarias. Tamén se levará a cabo un acto conmemorativo o 25 de novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Ademáis de escenificar a repulsa á violencia, darase lectura a un manifesto que tamén poderá será lido nos Plenos dos concellos da comarca ordense así como no da Mancomunidade. Por outra banda con todos os traballos realizados crearase unha exposición itinerante e un vídeo no que recompilaran os momentos máis destacables deste proxecto. Tamén se creará un blogue no que calquera persoa interesada poderá coñecer as actividades que se realizan nos centros académicos, á par que poderá ser empregado polo alumnado como instrumento de implicación no programa.

Entre os obxectivos máis inmediatos destaca a promoción e desenvolmento de habilidades e estratexias de comunicación de cara á resolución de conflitos, a mellora do autocoñecemento, a formación en igualdade e a importancia da asertividade nas relacións, a modificación de modelos e prexuízos de xénero e sensibilizar sobre a violencia de xénero e as súas causas. Todo elo pretendendo acadar unha liña estratéxica de coeducación en todos os concellos da comarca, para o que se está a colaborar cos centros educativos para acadar a homoxeneización e estabilidade nos programas postos en marcha. Para elo tamén se está a incidir na idea da importancia que o territorio comarcal no avance cara á igualdade, no intercambio de experiencias educativas co alumnado doutros centros da contorna, ademais de potencias o papel do CIM como referente e axente catalizador na promoción da igualdade e na resolución de casos.

O Programa Igualar stá subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade e cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

25 de outubro de 2013 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.