A Mancomunidade de Ordes celebra unhas novas xornadas sobre autoemprego e cooperativismo
Co fin de dar a coñecer e achegar o máximo posible a Oficina de Fomento Cooperativo da Mancomunidade de Ordes, así como os obxetivos e actividades que desenvolve, este próximo mércores celebrarase unha xornada sobre o cooperativismo. A asistencia será totalmente gratuíta para todos aqueles que desexen participar. Neste encontro tamén se abordarán as potencialidades do cooperativismo como elemento creador de emprego, polo que a cita dirísexe tanto a desempregados como a emprendedores e a institucións públicas ou privadas. Para apuntarse basta con acudir ás oficinas da Mancomunidade e facilitar os datos persoais.
O encontro iniciarase ás 9.30 horas no salón de plenos ubicado nos baixos da Alameda de Ordes. Tras a entrega das acreditacións inaugurarase oficialmente por parte do presidente da Mancomunidade de Ordes, Manuel Regos. Posteriormente Ana Lorenzo Vila, técnico da Rede Eusumo, falará sobre a economía social e o cooperativismo. Inmediatamente despois será o turno de Loli Couso Costa, técnico de AGACA, que falará da comercialización do grelo e doutros cultivos a través dos distintos tipos de cooperativas agrarias. Tras unha breve pausa a xornada continuará coa charla impartida por persoal técnico de UGACOTA sobre as cooperativias de traballo asociado e as posibilidades de emprendemento que ofrecen. Por último, ata as 14 horas, realizarase unha mesa redonda onde se porán en común e se debatirán as distintas experiencias por parte da Cooperativa Comarcal de Ordes, Pico Sacro e LUTEGA, S. Coop. Galega.
A Oficina de Fomento Cooperativo de Ordes conta co apoio da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, a través da Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social, e co financiamento do Fondo Social Europeo. A súa actividade intégrase dentro da rede Eusumo para dar apoio, fomento e asesoramento ás iniciativas cooperativistas e á economía social no ámbito territorial dos sete concellos da comarca (Ordes, Cerceda, Trazo, Mesía, Frades, Oroso e Tordoia).











