A Laracha sumou, no que vai de ano, 36.500 viaxeiros no transporte metropolitano
O balance do Plan de Transporte Metropolitano ao cumprirse un ano desde a sinatura da adhesión do concello da Laracha á área de transporte metropolitano da Coruña. Neste senso, Triguero anunciou que entre o mes de xaneiro –cando comezou a funcionar a nova tarxeta metropolitana (TMG)- e o de setembro neste municipio acadáronse os 36.516 viaxeiros.Os datos que manexa a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas revelan que desde a posta en marcha deste servizo obsérvase un aumento porcentual de usuarios arredor dun 170 por cento. Así, en xaneiro rexistráronse 1.655 viaxeiros coa tarxeta TMG e en setembro, 4.471.
Co novo sistema de transporte, o custo dunha viaxe entre A Laracha e a Coruña, por exemplo, pasou de 2,80 euros a 1,77. Deste xeito, os veciños deste concello están a gozar de aforros que van desde o 37 ao 48 por cento do prezo do billete de autobús en función do número de saltos da viaxe. Os usuarios da tarxeta de transporte metropolitano, tanto da Laracha como como do resto de municipios que integran a área, poden, por tanto, aforrar ata 600 euros anuais.
Actualmente a área coruñesa do plan de transporte metropolitano de Galicia está formada polos concellos da Coruña, A Laracha, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cerceda, Culleredo, Oleiros, Sada, Oza-Cesuras; un total de 13.
O obxectivo fundamental do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia é mellorar a competitividade do sistema de transporte público colectivo, nunha clara aposta polo fomento da mobilidade sostible. De feito, o incremento do uso do transporte público na Laracha practicamente se duplicou nos últimos nove meses. O Plan que desenvolve a Xunta de Galicia é posible grazas á colaboración dos concellos, que teñen unha intervención activa tanto no seu financiamento, como na definición de novos servizos, por exemplo.











