A implantación dun sistema telemático para presentar os proxectos de obras dos concellos permitirá axilizar os POS

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
A Deputación da Coruña levará ao pleno de mañá a aprobación das bases do Plan de Obras e Servizos para o ano 2014 que o goberno provincial presenta, por segunda vez neste mandato, con novas vantaxes para dotar aos concellos de capacidade de decisión sobre o destino dos cartos que recibirán con cargo a este plan.

Entre as novidades introducidas destaca que, por primeira vez, a presentación das solicitudes dos concellos realizarase de forma telemática a través da web da Deputación con plenos efectos xurídicos.

A presentación telemática xa foi o proceso utilizado no actual exercicio para a convocatoria de subvencións de concellos e entidades. O traslado desta ferramenta ao POS suporá unha importante mellora na axilidade e unha redución dos prazos de traballo, que xa se beneficia dun importante adianto de datas tendo en conta que as bases vanse aprobar no mes de outubro do exercicio anterior.

Deste xeito, durante o período de presentación dos proxectos, que estará aberto desde o 4 de novembro ata o 27 de decembro do ano 2013, os concellos realizarán este trámite oficial a través da firma electrónica do secretario e o alcalde e a persoa designada coma representante para este envío.

Amortización de débeda

Outro dos avances que o goberno provincial inclúe nas bases para o ano próximo é a posibilidade de destinar parte da súa dotación á amortización anticipada de débeda financeira.

Xa no ano 2012 as bases presentadas aumentaran ata o 60% o máximo que os municipios podían asignar ao cubrir gasto corrente, unha medida tomada tendo en conta a situación económica dos concellos.

Con esta novidade, as entidades locais terán a oportunidade no 2014 de reducir a súa débeda e, así, mellorar a situación económica do seu concello no presente e os próximos anos, xa que esta medida permite minimizar o pago de intereses, entre outros.

Finalmente, os concellos terán a posibilidade de destinar ata o 60% da cantidade asignada a gasto corrente ou amortización anticipada de débeda e un mínimo do 40% para investimentos, obras ou subministración.

Outra dos melloras incluídas nas bases será que os concellos poderán realizar investimentos en infraestruturas e terreos do seu municipio, aínda que estas non sexan de titularidade municipal, acreditando a súa dispoñibilidade.

Desta forma, os concellos poden cumprir plenamente co obxectivo do plan, que non é outro que permitir ás entidades locais realizar os proxectos máis necesarios e urxentes para os seus veciños.

24,2 millóns de euros

Este ano, o POS estará dotado con 24.200.000 euros, unha cantidade financiada ao 100% con achegas da institución provincial e coa que se mantén a dotación deste plan nos exercicios anteriores.

O reparto destes 24,2 millóns de euros realizarase entre os 93 concellos da provincia da Coruña e aplicando os mesmos criterios obxectivos de asignación de anos anteriores: 10% cota fiscal; 5% esforzo fiscal; 15% segundo o número de parroquias; 35% por poboación (nos concellos de máis de 50.000 habitantes so contan os habitantes en termos rurais deses municipios) e 35% de superficie.

24 de outubro de 2013 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.