A Feira de Brión vivirá unha sesión de contacontos e cata de mazás

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónCalendario
A-
A+

A Feira de Brión celebra mañá sábado 26 de outubro unha nova edición, que terá lugar entre as 11 e as 14 horas na explanada e na planta baixa do centro comercial Monte Balado. Ademais dunha gran variedade de postos, tamén haberá actividades de ocio para toda a familia e sortearase un vale por valor de 20 euros entre todos os que realicen algunha compra.

Nesta ocasión, a asociación cultural e xuvenil “O esquío no Piñeiro” presentará “Os contos do esquío”, dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 7 anos. O contacontos terá lugar ás 12:00 horas na explanada do centro comercial e a participación é totalmente libre e de balde. Ao remate dos contos terá lugar unha cata de mazás da comarca, organizada tamén pola asociación “O esquío no Piñeiro”, na que poderán participar nenos e adultos. Unha cata na que aprenderán a apreciar os distintos olores, cores e sabores das mazás que se cultivan na comarca.

A Feira de Brión cambiou este verán a súa ubicación na carballeira de Santa Minia pola explanada e planta baixa do centro comercial Monte Balado, onde se celebra os segundos e cuartos sábados de mes. Ademais de estar aberto aos veciños e veciñas do municipio que desexen vender os seus produtos, tamén conta cunha gran participación de artesáns e de postos de venda de produtos do campo, doces e empanadas.

Tres de Bolaño

Xa na tarde do sábado, o centro social polivalente de Pedrouzos acollerá a actuación do grupo de teatro O Maxolo, que porá en escena “Tres de Bolaño”. Trátase dunha obra composta por fragmentos de triloxía de Roberto Vidal Bolaño: “Criaturas”, “Anxeliños” e “Animaliños”, esta última inspirada no propio Brión. Unha obra que presenta distintas situacións nas que se trata, en clave de comedia, sobre a vida nas urbanizacións, as hipotecas, etc. A actuación terá lugar ás 20.30 horas no auditorio do centro social polivalente. A entrada é totalmente libre e de balde.

25 de outubro de 2013 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.