A exposición itinerante de Vidal Bolaño chega a Verín
Desde mañá martes, e ata o 11 de novembro, a Biblioteca Pública Municipal de Verín acolle a exposición itinerante sobre a figura e obra de Roberto Vidal Bolaño, organizada pola Asociación Roberto Vidal Bolaño coa colaboración das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Esta exposición enmárcase no programa de actividades impulsado por Cultura e Educación para conmemorar as Letras Galegas 2013, a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, e da conta da traxectoria de Vidal Bolaño mediante unha proposta de dez paneis que recollen a súa extensa obra con textos e imaxes dos seus espectáculos e personaxes, así como indicacións escenográficas e de dirección; é dicir, un precorrido pola vida e obra de Vidal Bolaño que é, ao mesmo tempo, un achegamento á historia do teatro profesional en Galicia. Ten como obxectivo favorecer un maior coñecemento entre a cidadanía do autor, a través da súa escrita, da súa faceta interpretativa, do seu traballo como director e tamén da actividade desenvolvida no ámbito do audiovisual galego. O horario para visitala é de 10 a 13.30 y de 16 a 20.30 (de luns a venres) e de 11.30 a 13.30 horas (sábados).
O proxecto itinerante iniciou o seu percorrido polas catro provincias galegas en Santiago de Compostela, o pasado 14 de xuño. Logo do seu paso polos concellos de Tui, Ribadavia, Vilagarcía de Arousa, Ribeira, A Coruña, Lugo, Burela Ferrol, Carballo e Verín, continuará a súa itinerancia por Ourense, Pontevedra e Vigo.
Por outra banda, e támen dentro do programa de actividades impulsado por Cultura e Educación para conmemorar as Letras Galegas 2013, o mércores 6 de novembro terá lugar a charla-coloquio sobre Roberto Vidal Bolaño e o teatro en Galicia con Manuel Quintáns Suárez (especialista en teatro, sogro de Roberto Vidal Bolaño e presidente de honra da Asociación Roberto Vidal Bolaño). Será ás 19 horas nas instalacións da Biblioteca Pública Municipal de Verín.











