A estatística érguese como instrumento para un mellor coñecemento dos sectores estratéxicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Do Campo no XI Congreso Galego de Estatística e Investigación Operativa

Do Campo no XI Congreso Galego de Estatística e Investigación Operativa

O papel esencial da estatística como instrumento para acadar un mellor coñecemento dos sectores estratéxicos da economía galega foi destacado pola delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, quen tamén a destacou para poder deseñar estratexias futuras nestas actividades, fundamentalmente nun momento de crise económica como o actual.

Do Campo defendeu esta idea na Coruña, durante o acto de inauguración do XI Congreso Galego de Estatística e Investigación Operativa, organizado pola Universidade da Coruña. Na súa intervención, a representante do Goberno galego na provincia amosouse consciente de que, cada vez máis, a sociedade reclama maior información e máis específica e, por iso, -apuntou- a Xunta de Galicia está a traballar mellora dos servizos e da eficacia do Instituto Galego de Estatítisca (IGE), dependente da Consellería de Facenda.

Froito desa labor por achegar aos cidadáns todos os datos estatísticos dos que a Xunta dispón, pero tamén de seguir avanzando na aplicación de criterios de eficiencia e un mellor aproveitamento dos recursos públicos, a delegada territorial recordou que, nestes momentos, o departamento autonómico está a avanzar na integración do IGE co Centro Informático para a Xestión Tributaria e Contable (Cixtec), que derivará na creación do Instituto Galego de Estatística e Información Financieira.

Esta integración nun único organismo enmárcase nos principios xerais defendidos pola Xunta de Galicia de optimización de recursos, eficacia na xestión e mellor coordinación entre os distintos servizos. “O IGE reforzará tanto as súas competencias como a súa independencia, ao tempo que aumentará a información estatística de orixe financieiro e de transparencia do sistema”, resaltou. “Todo isto farase sen incrementar o gasto público, moi ben ao contrario: reducíndoo”, apuntou.

A medida aparece recollida na Lei de Racionalización do Sector Público, aprobada en Consello da Xunta o pasado 29 de agosto e actualmente en tramitación parlamentaria. Entre os obxectivos do novo Instituto Galego de Estatística e Información Financieira estarán a dirección e coordinación das actividades estatísticas no ámbito competencial da comunidade autónoma e o desenvolvemento, planificación e xestión dos proxectos e aplicacións informáticas para a implantación de procesos informáticos de natureza tributaria, contable, orzamentaria e económico-financieira.

Por último, Do Campo explicou que a reorganización destes dous entres non impedirá que se siga a desenvolver o Plan Galego de Estatística 2012-2016, impulsado desde o IGE. “Trátase dun novo marco legal que coloca a Galicia entre o reducido número de comunidades autónomas dotadas dun sistema estatístico acorde cos códigos internacionais de boas prácticas”, concluíu.

24 de outubro de 2013 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.