A Escola Oficial de Idiomas en Arteixo inaugura nova sección cunha oferta de 90 prazas de inglés

Xesús Vázquez na visita ao centro
No CEIP Ponte dos Brozos o conselleiro percorreu as instalacións acompañado polo equipo directivo do centro tras as melloras realizadas en colaboración co Concello para a instalación de 2 ascensores e ramplas de accesibilidade e para a substitución da cuberta, traballos que completan aos xa realizados en 2012 para a mellora da cuberta do ximnasio e as fiestras. Ademais, puido visitar a biblioteca do centro, integrada no Plan de Mellora (PLAMBE) desde o 2012. Así mesmo, lembrou que este colexio participa da iniciativa de contratos-programa, que o curso pasado implicou a 50 estudantes na liña de reforzo, orientación e apoio, na modalidade de acompañamento fóra do horario escolar. “Este programa, compleméntase ademais cos máis de 45.600 euros que o Concello de Arteixo recibiu este verán da Consellería para o desenvolvemento de actividades dirixidas á redución do abandono escolar”, salientou Vázquez Abad.
Na súa visita ao IES Manuel Murguía, na que estivo acompañado polo director, Adrián Fernández, o conselleiro salientou o éxito da nova sección da escola Oficial de idiomas que abriu este curso as súas portas no centro, poñendo a disposición da cidadanía 90 prazas de inglés – que xa se cubriron para este ano académico-, achegando as ensinanzas especializadas de idiomas á poboación da bisbarra, o que supuxo ademais a incorporación dun profesor. A oferta de prazas, que este ano son en 1º curso de nivel básico e en 1º de nivel intermedio, podería incrementarse nos vindeiros cursos, en función da demanda e as posibilidades. Tal e como explicou Xesús Vázquez, esta iniciativa únese ao compromiso xa demostrado nese centro, cun investimento de preto de 200.000 euros. Non en balde, o IES Manuel Murguía foi dos primeiros en contar co proxecto Abalar, que a día de hoxe ten instalado en 12 aulas, cunha dotación de 327 netbooks. Cómpre salientar ademais que o centro conta con seccións bilingües e leva anos integrado no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, así como en outras iniciativas de dinamización destes espazos.
A apertura desta nova sección enmárcase na nova oferta de EOIs para o curso 2013/2014, no que medran en 2.730 o número de prazas ofertadas – só contando os cursos ordinarios-, o que supón un incremento de preto do 6% respecto do curso anterior.











