A Domus celebra con escolares xogos de debate sobre alimentación e saúde

Actividade na Domus
A Concellaría de Cultura, a través dos Museos Científicos Coruñeses, celebra unha actividade enmarcada no proxecto europeo Inprofood. Cara a unha dieta saudable, cuxo obxectivo é buscar o diálogo e a aprendizaxe entre a industria, o ámbito educativo e a sociedade sobre o tema da alimentación e a saúde.
A Domus está a realizar durante este mes de outubro unha actividade con grupos de alumnos de Secundaria e Bacharelato. Trátase dun xogo de debate dentro do programa PLAYDECIDE (http://playdecide.eu/) que aborda temas controvertidos de forma sinxela e cunha metodoloxía eficaz. É o caso da dieta e o estilo de vida, xa que a nutrición se relaciona directamente coa calidade da saúde. Nas distintas sesións deste xogo que se están a celebrar cóntase coa participación dun total de 150 alumnos de centros escolares da Coruña, Arteixo e Cambre.
O proxecto Inprofood está organizado por ECSITE (a asociación europea de centros de ciencia, museos, zoos, acuarios e institucións de investigación, á que pertencen os Museos Científicos Coruñeses) e EUFIC (European Food Information Council), e financiado pola Comisión Europea.











