A Deputación inviste 115.000 euros para dotar de vestiarios o campo de fútbol dos Capelos en Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCarral
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá co alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, o convenio de colaboración entre a institución provincial e o concello para formalizar a axuda que permitirá facer vestiarios no campo de fútbol dos Capelos.

Segundo o acordo asinado, aprobado polo Pleno celebrado o 27 de setembro, a nova edificación ocupará unha superficie de 122 metros que estarán distribuídos en aseos e duchas para os xogadores e árbitros, e outro aseo e ducha con accesibilidade adaptada. Ademais, o proxecto inclúe unha reserva de espazo para almacén e outras instalacións.

Para estas obras, a Deputación da Coruña achega un total de 117.164 euros cos que asume o 100% do orzamento da actuación. Unha cantidade que servirá para dotar de perfectas condicións este campo de fútbol situado no Polígono Industrial dos Capelos e que xa fora financiado durante a súa construción polo ente provincial.

Máis de 200 veciños de Carral utilizan a día de hoxe estas instalacións a través da escola deportiva e os equipos da Unión Deportiva Carral. “Temos que agradecer á Deputación que, pese aos momentos de dificultades, atenda unha importante demanda dos veciños de Carral. Con estes vestiarios, so quedará pendente o peche e o alumeado do campo de fútbol”, explicou o rexedor de Carral.

8 de outubro de 2013 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.