A Deputación executa a mellora do firme do vial a Cariño ao seu paso por terras orteganas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

A Deputación da Coruña iniciaba a semana pasada unha das actuacións que viñan sendo reivindicadas dende tempo atrás polo Concello de Ortigueira. Trátase da posta a punto da DP 6121, é dicir, a estrada que dende ponte Mera conduce á veciña localidade de Cariño. A mellora da rodadura do vial ao seu paso polo municipio ortegano levará consigo unha mellora para os centos de condutores que a diario utilizan o vial.

Tras a petición realizada no seu día polo alcalde Rafael Girón, a institución provincial, titular da citada infraestrutura de comunicación, iniciou os traballos demandados na quinta fase do Plan de Travesías do 2012. Na renovación do vial, adxudicada a Obras pavimentos e instalacións industriais Sl (OPAIN) estanse a investir máis de 107.000 euros.

A actuación consiste no aglomerado de todo o tramo que discorre polas parroquias orteganas (Santiago de Mera e San Adrián), renovándose así a capa de rodadura, especialmente desgastada na zona de ponte Mera. En total, as obras desenvolveranse ao longo dos primeiros 2’38 quilómetros da DP 6121, dende a intersección coa AC 862, xunto a ponte Mera, e o límite do territorio local.

Dende o goberno local destácase a importancia da obra, que permitirá optimizar a seguridade vial desta estrada acceso fundamental para acceder a Cariño, que talvez sexa a que soporta a diario un maior volume de turismos e tamén de tráfico pesado de toda a rede provincial na bisbarra de Ortegal.

21 de outubro de 2013 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.