A deputación coruñesa asume o arranxo dos Caneiros e a apertura dos centros de Chelo e Teixeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña aprobou no pleno celebrado esta mañá un investimento de 607.250 euros co que poder  levar a cabo as obras necesarias para pechar as últimas actuacións do Proxecto Mandeo que quedaban pendentes e, así, asumir o arranxo da senda peonil de Os Caneiros e a apertura e a atención aos visitantes nos centros de interpretación de Chelo e Teixeiro.

Deste xeito, e a través da firma dun convenio co Concello de Betanzos, a institución provincial achegará 575.750 euros para a construción da senda peonil que une o municipio co campo de Os Caneiros, unha demanda do Concello e que non fora incluída no Plan Mandeo pola complexidade do proxecto. Agora, é a Deputación Provincial a que asume o custo total do proxecto.

O pleno tamén deu luz verde á firma de dous acordos cos concellos de Curtis e Coirós para a xestión do Centro Etnógráfico de Curtis, situado en Teixeiro, e do Centro de Interpretación de Chelo, respectivamente. No primeiro caso, a achega provincial é de 18.000 euros, mentres que no segundo é de 13.500 euros.

Con este acordo, os dous gobernos locais poderán poñer en marcha o servizo de atención aos visitantes desde o 1 de novembro do 2013 ata o 31 de agosto do 2014.

Así mesmo, ambos concellos organizarán como mínimo dúas visitas ao mes, para o que establecerán contactos con colexios, institutos e asociacións do municipio, así como as demais entidades da conca do Mandeo, levando un rexistro de visitas e a elaboración dun dossier fotográfico.

Por outra banda, a institución provincial comprométese a aportar o material didáctico e promocional, así como os medios técnicos necesarios para o desenrolo dos centros, sufragando todos os gastos.

As cantidades aportadas pola Deputación destinaranse á contratación do persoal que traballará durante os dez meses en cada uno dos centros.

Un Plan de Obras e Servizos máis axustado ás necesidades dos concellos

Noutra orde de cousas, os membros da Deputación aprobaron por unanimidade as novas bases reguladoras do Plan Provincial de Obras e Servizos (POS), que o próximo ano manterá a contía dos 24,2 millóns de euros que aporta integramente a Deputación da Coruña.

Entre as novidades incluídas para o exercicio 2014 destaca que os concellos poderán utilizar o 60% dos cartos que lle correspondan tanto a gasto corrente como a amortización anticipada da súa débeda financeira. Para iso deberán achegar un informe da Intervención ou Secretaría-Intervención no que se indiquen os datos da débeda que desexan amortizar anticipadamente. A cantidade restante, o outro 40%, terá que ser destinado a investimentos ou obras.

Outra das novidades do POS 2014  é que as solicitudes presentaranse de forma telemática a través da páxina web da Deputación. Para iso será imprescindible que o secretario, o alcalde  e a persoa designada como representante para o envío da solicitude ao rexistro telemático dispoñan de firma electrónica. Todo elo, coa única finalidade de axilizar a tramitación, toda vez que as bases estanse a aprobar moito antes de que remate o exercicio.

Por ultimo, outra modificación posta en marcha polo goberno da Deputación Provincial pasa por que, a partir de agora, os concellos non deberán acreditar a titularidade dos terreos ou os edificios nos que actuará con cargo ao POS. A partir de agora, co conseguinte adianto que elo supón, será suficiente con que se acredite a dispoñibilidade do ben en cuestión.

Os 93 concellos coruñeses poderán presentar os seu proxectos desde o 4 de novembro ata o 27 de decembro do 2013.

Convenios

Tamén o pleno da Deputación da Coruña sacou adiante a aprobación provisional da modificación do proxecto da travesía na DP.3109 Vilaboa a Peiro por Tarrío (pk 0 ao pk 3,120), no Concello de Culleredo.

A actuación, que conta cun orzamento de 855.202,23 euros, inclúe a construción das beirarrúas na Hermida nos seus primeiros 800 metros.

As obras a realizar incluirán á rede de saneamento e acometidas de vivendas;  a renovación da rede de abastecemento de auga potable; a renovación da rede de iluminación e equipos; a ampliación e nova pavimentación de beirarrúas;  a  mellora  da rede de drenaxe de pluviais, sumidoiros e pozos de rexistros, e a reposición de servizos afectados.

Ademais, dentro do capítulo de convenios con concellos, aprobouse un investimento de 112.862,17 euros para as obras de cerramento e alumeado no campo de fútbol Dos Capelos, en Carral.

En Santiso, a Deputación achegará 40.000 euros para apoiar as obras de pavimento de cinco camiños municipais. As actuacións pasarán pola reparación do firme, a mellora da capa de rodadura, o tratamento asfáltico superficial e o rego de sellado. Os camiños nos que se actuará son os seguintes: Camiño Pazo-Xeral (Reiriz), Camiño Chain-C. Alfonso (Rairiz), Camiño Casares-Lamparte-Pezobres, Camiño de Xesteira-Filgueira (Novela), Camiño Cruce Xeral a Balocas de Abaixo (Visantoña)

Nova amortización de débeda

Finalmente, e con cargo a un expediente de modificación de crédito, o pleno aprobou destinar preto de 3 millóns de euros á amortización de préstamos pendentes.

Desta maneira, continúa a tendencia iniciada polo actual goberno provincial, que pechará o ano con 38 millóns de euros de débeda, a menor dos últimos anos tanto en termos absolutos como relativos.
25 de outubro de 2013 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.