A Coruña inicia un proxecto de ocio e respiro familiar para persoas con minusvalidez intelectual
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Servizos Sociais que dirixe Miguel Lorenzo, informa da realización, do 1 ao 3 de novembro, dun novo proxecto de ocio e respiro familiar para persoas con minusvalidez intelectual en colaboración coa Fundación ADCOR.
O programa ofrece un total de 30 prazas cuxo custo é de 90 euros por persoa, dos que o Concello achegará 55 euros. Realizarase na residencia da Fundación ADCOR e inclúe a manutención. A temática que se tratará no programa, que estará coordinado por 1 persoa e contará con 5 monitores, é a celebración do Samaín.
O obxectivo deste programa é dar resposta á demanda das familias de persoas con minusvalidez intelectual e ofrecerlles un servizo de atención co fin de proporcionarlles tempo de descanso. Desta forma, ofréceselles un apoio temporal co fin de liberar as familias, reducir o estrés e previr situacións de crise, á vez que se formulan alternativas de ocio e desfrute á persoa con minusvalidez que participa no proxecto.
Esta iniciativa é unha mostra máis dunha das prioridades do Goberno local: prestar a máxima atención ás persoas que máis o necesitan e ás súas familias. As persoas interesadas en participar terán que inscribirse antes do 28 de outubro na oficina de Dependencia ou na Fundación ADCOR.











