A Coruña culmina con música e sensibilización a semana de actos polo Día do Dano Cerebral Adquirido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A semana de actividades promovidas por ADACECO (Asociación de Dano Cerebral da Coruña) para conmemorar o Día do Dano Cerebral Adquirido (DCA) culmina mañá, 26 de outubro, cunha xornada que estará centrada na información e sensibilización sobre o DCA e para a prevención do mesmo.

A sensibilización será protagonista, pois a entidade ten previsto colocar mesas informativas en diferentes puntos da cidade: o Obelisco e os centros comerciais Cuatro Caminos, Marineda City e Los Rosales. O obxectivo destas mesas é informar sobre as causas do dano cerebral para concienciar sobre a súa prevención, ao tempo que se pretende dar a coñecer a asociación para axudar a achegala a persoas que teñan DCA e que non dispoñan de toda a atención necesaria para a súa situación.

O horario das mesas é intensivo de dez da mañá a oito da tarde.

Ademais, ás 12:00 está prevista unha actuación musical por parte da Banda Militar da Coruña, e ás 13:00, cando remate, a presidenta de ADACECO, Carmen Fernández, lerá o manifesto do Día do Dano Cerebral 2013. Este manifesto está redactado por FEDACE (Federación Española de Dano Cerebral) e recolle as principais reivindicacións das asociacións de familiares e persoas con DCA agrupadas na federación.

ADACECO desenvolveu con éxito ao longo da semana diferentes actividades deportivas, informativas e de lecer que rematan no propio Día do Dano Cerebral Adquirido, mañá.

A Asociación de Dano Cerebral da Coruña ofrece apoio e rehabilitación ás persoas con dano cerebral e ás súas familias, tanto na cidade como no seu contorno. Forma parte da Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e da Federación Española de Daño Cerebral (FEDACE).

25 de outubro de 2013 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.