A concesión de axudas permitirá pintar fachadas e substituir cartelería no ámbito do Pepri
O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, anunciou que o Concello subvencionará obras de pintura de fachadas e substitución de cartelería en inmobles incluídos no ámbito do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Casco Histórico, As Atochas, Peixaría e Orzán, co obxectivo de animar e concienciar os veciños sobre a importancia de realizar este tipo de actuacións e, desta forma, recuperar a imaxe urbana coruñesa da zona histórica da cidade. O concelleiro presentará hoxe esta iniciativa a asociacións de veciños e comerciantes da zona para que realicen as súas achegas.
Tal e como explicou Fernández Prado, esta liña de subvencións que se regulará a través dunha ordenanza que se espera estea en marcha a principios de 2014, dá resposta a unha demanda tanto de veciños coma de comerciantes de dotar a cada zona incluída no Pepri dunha unidade estética que facilite a percepción e desfrute de cada espazo e que posibilite, ademais, unha reactivación da economía destes barrios. “Trátase de facilitar a mellora ambiental da cidade, da súa calidade de vida e de reactivar a economía”, informou e engadiu que están previstas outra serie de medidas que, xunto co Pepri, axuden a reforzar a mellora de todo o ámbito.
As subvencións outorgaranse tanto a comunidades de veciños coma a propietarios que realicen obras de reparación e pintura de fachadas exteriores do inmoble, incluíndo a retirada de cableado; así como á substitución de cartelería. O importe da subvención alcanzará o 80% no caso dos edificios con algún tipo de protección, ata un máximo de 4.000 euros por vivenda; o 60% para o resto de edificios, ata un máximo de 3.000 euros por vivenda; e o 70% nos casos de substitución de cartelería, ata un máximo de 2.000 euros por cartel. Para optar a este tipo de axudas é necesario que os inmobles non teñan expedientes de infracción urbanística e que teñan a Acta de Inspección Técnica de Edificios favorable.
O responsable de Urbanismo informou de que, con carácter anual, se determinará un ámbito concreto co fin de poder atender todas as peticións, conseguir un impacto real e que as subvencións non se dispersen: Simplificáronse os procedementos co fin de axilizar todo o proceso e diminuír os prazos tanto de concesión de axudas coma de execución de obras e así potenciar unha rápida recuperación do ámbito: “Pretendemos que a xente se incorpore a estes criterios de mellora de calidade urbana nunha peza de centraliade da cidade que temos” que “coidar”.
Martín Fernández Prado destacou a importante aposta que o Concello está a facer tanto en políticas de rehabilitación como de coidado do Patrimonio histórico coruñés: “Son os dous eixes que marcan as nosas políticas urbanísticas e que estiveron descoidados” “durante os últimos anos”, sinalou. Neste sentido recordou as subvencións para a conservación de inmobles ás que este ano se destinan 1,4 millóns de euros; os 1,5 millóns de euros para as áreas de rehabilitación; ou os máis de 11 millóns de euros para a modernización dos espazos públicos. Ademais, en materia de Patrimonio, destacou actuacións como o Plan Director de Murallas ou as rehabilitacións da Fábrica de Tabacos e do cemiterio de San Amaro: “Estas actuacións son as que nos permiten dar unha maior calidade de vida aos veciños e transmitir unha imaxe do espazo urbano máis agradable”, concluíu.











