A Concellería de Cultura ourensá organiza varias actividades para conmemorar a noite do Samaín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Un ano máis, e xa van varios de celebración na nosa cidade, xa está todo preparado para a conmemoración da noite do Samaín, previa ao día de Todos os Santos. O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e o técnico da Concellería de Cultura, Manuel Freire (ausente a concelleira por enfermidade) presentaron xunto a asociacións colaboradoras, as actividades que a Concellería de Cultura organiza para os máis pequenos, que se desenvolverán durante a tarde do xoves 31 na Praza da Imprenta.

A cita será a partir das 17 h da tarde, onde comezará un obradoiro de baleirado de cabazas. Esta actividade que se prolongará durante unhas dúas horas, conta coa colaboración da Asociación Xuvenil Amencer, e coa Asociación Universitaria de Ciencias da Educación. Posteriormente, e coas cabazas perfectamente acicaladas para render homenaxe a esta festa de orixe celta, terá lugar unha procesión que percorrerá varias rúas das zona vella.

O Samaín era unha das celebracións máis importantes que dominou o período pagano previo ao cristianismo. Os pobos atlánticos festexaban nesta data o “fin da tempada de colleitas”, e era considerado como o ano novo celta. En definitiva, un adeus ao verán, que na cultura ourensana abre o último capítulo do Ciclo Festivo, precedendo a festa de interese turístico dos Magostos. A Asociación de Artesáns tamén colabora nesta iniciativa.

Semana de ampla oferta cultural no Auditorio Municipal

Un día antes da Festa do Samaín, o mércores 30, o Auditorio acollerá a partir das 20.30 h un espectáculo de danza. ARA, de Otradanza, proponnos unha nova viaxe que traspasa o corpo, o espazo e os xogos coreográficos para conectar cos sentidos do espectador, coa carne, a emoción, a sorpresa e o sentimento máis alá dos límites da pel. Arrástranos a un delicado e cautivador mundo de circunstancia irrepetibles, dando sentido ao instante e ao efémero do paso do tempo, faino a través dos sentidos, das emocións, e do pracer, e goce que abarca desde o escenario ata a butaca.

O propio día 31, temos teatro co grupo Matrioshka que trae a obra C´EST LA VIE. Unha reflexión intensa sobre o tempo e os seus rastros, tendendo os fíos entre a sorpresa de recoñecerse nese segundo que nos cambia a vida e a excitación de comprender que as horas se aceleran proporcionalmente á velocidade do corazón. Será ás 20.30 h.

O día 2 de novembro, o espectáculo Acuario, destinado ao público infantil, ofrecerá unha divertida dramatización do poemario Acuario da coñecida escritora e presentadora de televisión María Canosa, coa que os nenos de 5 a 8 anos coñecerán os peixes das nosas rías e peixarías e máis os seus nomes. Será ás 19 h, na Sala Azul, e a entrada é de balde. Esa mesma tarde, a partir das 20.30 h, unha nova proposta teatral visita o Auditorio. Siglo de Oro, Siglo de Ahora, lévanos a unha viaxe de ida e volta desde o Século de Ouro, ata a actualidade. Un diálogo entre o clásico e o contemporáneo con toda a liberdade dos fumes, a emoción da música en directo e a beleza do verso.

E para rematar a semana, un novo domingo de programación infantil, esta vez coas aventuras do Soldadiño de Chumbo. Este encontro relata a verdadeira historia do mal e un amor verdadeiro, firme e non exento de humor que sae vencedor cun fermoso e explosivo final. Terá lugar a hora habitual – ás 12 h da mañá -, e o prezo da entrada é de 3 €.

Todas as entradas pódense conseguir en www.servinova.com ou dúas horas antes de cada función na billeteira do Auditorio. Toda a información está na web www.culturaourense.com. 

28 de outubro de 2013 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.