A Comisión de Pleno de Ourense dá o visto bo á aprobación inicial do Plan Xeral de Urbanismo
A Comisión de Pleno desta mañá, deu o visto bó á aprobación inicial do expediente “Revisión Plan Xeral de Ordeación Municipal de Ourense, redactado pola empresa Oficina de Planeamento SA”. A proposta foi ditaminada favorablemente cos votos a favor de PSOE e BNG, voto en contra de Democracia Ourensana e abstención do Partido Popular.
O expediente inclúe o ditame favorable á emenda presentada polo Bloque Nacionalista Galego, polo que o Plan Xeral contará cun prazo máis amplo de exposición ao público, cun total de tres meses dende a súa aprobación inicial.
Na Comisión de Pleno acordouse así mesmo que ao tratarse dun “expediente que esixe un tratamento importante e independente”, que a proposta será sometida a consideración dos grupos nunha sesión plenaria extraordinaria, anterior á ordinaria que se celebrará o venres 8 de novembro.
A concelleira de Urbanismo, Áurea Soto, confirmou que se dá un paso máis para “un plan pensado, sostible e sólido, ordeado e coherente cos intereses xerais, cunha previsión residencial matizada e no que se incorporan os proxectos estratéxicos da cidade, coma o termalismo, a integración da alta velocidade e o posible crecemento industrial”
A comisión de Pleno ditaminou favorablemente outros acordos:
– O expediente de modificación da Ordenanza Municipal de Tráfico, no que afecta ao seu anexo II, foi remitido a informes técnicos e de intervención para o seu posterior ditame pola Comisión de Pleno. A modificación ten coma obxectivo facilitar a accesibilidade ás súas vivendas dos veciños residentes na zona vella da cidade. O principal cambio da ordenanza afecta aos residentes no Casco Vello, xa que ata o de agora só dispoñían de tarxeta magnética de acceso os propietarios ou alugueiros de vivenda con praza de garaxe e os propietarios de praza de garaxe.
– Solicitudes de compatibilidade: a Comisión de pleno ditaminou favorablemente a inclusión na orde do día do Pleno do vindeiro día 8 as 4 solicitudes de compatibilidade doutros tantos traballadores municipais, que se debaterán para a súa consideración no debate plenario.
– Debaterase na vindeira sesión plenaria o recurso de reposición interposto pola sección sindical da CIG, contra o acordo da iniciación do expediente de revisión de oficio do acordo regulador das condicións de traballo dos empregados públicos do Concello de Ourense.
– Aprobación definitiva e resolución das alegacións da Ordenanza Municipal reguladora de actos de Natureza Urbanística: A ordenanza é un instrumento para mellorar e axilizar os procedementos administrativos, contribuíndo a diminuír o tempo de obtención de autorizacións urbanísticas, coma as licenzas e facilitando a súa obtención, sen mermar a seguridade xurídica.











