A Comisión de Coordinación Social ultima o borrador dunha Bolsa de Vivenda Social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Reunión da comisión

Reunión da comisión

A Comisión de Coordinación Social do Concello de Carballo vén de manter unha nova xuntanza na que se expuxeron os detalles do borrador coas condicións para a creación dunha Bolsa de Vivenda Social de carácter municipal e con alugueres reducidos -dun máximo de 150 euros- destinada a axudar a aquelas persoas en dificultades a causa de situacións de desafiuzamento ou que teñan problemas para asumir o pagamento dun aluguer a prezo de mercado.

Despois da reunión celebrada hoxe, mércores 23 de outubro, está previsto que a proposta sexa pechada para ser debatida na sesión plenaria ordinaria do mes de novembro para despois facer unha convocatoria pública oficial e facilitar que tanto os propietarios e propietarias interesados, como as persoas que desexen ser beneficiarias, tramiten a súa solicitude para que sexan incluídas na Bolsa. Nestes momentos o Concello contaría con cinco vivendas dispoñibles. Estiveron presentes na Comisión de Coordinación Social o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Benestar, Silvana Castro; Miguel Ángel Ferreiro, como representante do grupo municipal do PP; e representantes de entidades de carácter social como Cruz Vermella e Cáritas Parroquial, así como técnicos dos Servizos Sociais Municipais.

En canto ás condicións para as persoas que xenerosamente cedan a súa vivenda baleira, segundo o borrador, os veciños e veciñas que permitan que a súa propiedade pase a formar parte da Bolsa recibirán 250 euros anuais do Concello para afrontar os gastos derivados do IBI (Imposto sobre Bens Inmobles) e a taxa do lixo. Ademais desta axuda anual, tamén habería outras vantaxes e garantías, como son a busca e selección dos/as inquilinos/as; garantías de conservación da vivenda coa subscrición dun seguro multirrisco do fogar; e garantías en caso de non pagamento coa subscrición dun seguro de caución que inclúe reclamacións das rendas non pagadas, suxeito ás condicións da aseguradora. O obxectivo final é acadar a resposta dos particulares que contan con vivendas baleiras para que contribúan á oferta da Bolsa de Vivenda.

Os interesados e interesadas en obter máis información poden poñerse en contacto co Departamento de Servizos Sociais do Concello de Carballo situado na planta baixa da Casa do Concello ou chamar ao teléfono 981 704 706. Tamén é posible descargar o cartel promocional coa información sobre a iniciativa nesta mesma nova.

23 de outubro de 2013 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.