A cidade da Coruña será pioneira en Galicia na mellora de accesibilidade coa instalación de ascensores e escaleiras mecánicas

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► A Coruña ► Local Portada ▼
A-
A+
Negreira na entrega de premios de movilidad

Negreira na entrega de premios de movilidad

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou que o Concello coruñés será pioneiro en Galicia na instalación de ascensores e escaleiras mecánicas en varios puntos da cidade como solución de accesibilidade e mobilidade: “Estas obras, que executaremos ao longo de 2014, poñerán solución ás barreiras urbanísticas da cidade e serán a semente de novas actuacións, xa que o noso obxectivo é que sexa unha solución ordinaria e normal no conxunto da cidade,” destacou.

O alcalde realizou estas declaracións na visita á exposición de traballos do Concurso de Ideas para mellorar a mobilidade peonil en cinco puntos singulares da Coruña e tras a entrega de premios deste. Tal e como recordou, trátase de Mestre Clavé, Ramón Cabanillas con avenida de Arteixo, Marqués de Cerralbo, Capitán Troncoso con Xeneral Alesón e Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez.

Carlos Negreira agradeceu o seu traballo a todos os participantes, xa que se recibiron máis dun centenar de propostas: “Coa vosa enerxía e ganas contribuístes a intentar facer un anaquiño de cidade”, asegurou e recordou que, aínda que este tipo de infraestruturas se están a instalar noutras cidades, a medida será pioneira en Galicia: “Son proxectos que se inician agora pero que formarán parte da cidade en poucos anos e confío en que serán unha realidade ao longo de 2014-2015”, informou e avanzou que estas actuacións serán a semente para a súa implantación noutras zonas da cidade.

O alcalde explicou que estas iniciativas se enmarcan dentro do Plan de accesibilidade da cidade, que se está a levar a cabo nos barrios coruñeses en colaboración coas asociacións de persoas con diversidade funcional: “Estamos a executar máis de 500 obras de pequena cirurxía que para moitas persoas son de vital importancia e que posibilitan que todos poidamos vivir un pouco mellor, nunha cidade máis inclusiva,”.

Carlos Negreira agradeceu a colaboración dos colexios de Arquitectos; Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos; e Industriais que dedicaron o seu tempo a este concurso e destacou a súa disposición para todos os proxectos formulados dende o Concello, como no caso das súas contribucións ao PXOM ou ao Pepri ou a outros concurso de ideas, como o do paseo marítimo: “Esta é a forma de facer cidade, colaborando ente todos,”.

Neste sentido, avanzou que a colaboración entre Goberno local e colexios profesionais continuará cun concurso para recuperar o paseo da muralla entre a Fundación Luis Seoane e a Mestranza: “Nesta zona esta prevista a instalación dun ascensor que unha a zona do Náutico co hospital Abente e Lago para, así, ir cosendo a parte alta do casco histórico ao resto da cidade”, explicou e finalizou: “Faremos un mellor urbanismo entre todos”.

A relación de proxectos premiados é a seguinte:

Mestre Clavé: ‘Escaleira mecánica universal’. Juan B. Pons Herrera. Premio dotado con 10.000 euros.

O proxecto gañador propón a instalación dun total de cinco escaleiras mecánicas que comuniquen as diferentes cotas e que xeren espazos públicos. A particularidade das escaleiras é que serán aptas para todo tipo de usuarios ao permitir o desprazamento de persoas en cadeira de rodas, con mobilidade reducida ou que transporten obxectos voluminosos, grazas a un sistema que converte tres dos chanzos nunha plataforma que se activa mediante un botón. Pódense utilizar tanto para subir coma para baixar.

Ademais, concedeuse 2 accésits de 1.500 euros cada un, ás propostas ‘+Accesible’ de José Ramón Garitaonaindía de Vera e ‘Mestre Clavé: accesibilidade universal para tod@s’, de Santiago López Fontán e Pedro María Sacristán.

Ramón Cabanillas con avenida de Arteixo: ‘Entrerrúas’. Salomé Fernández. Premio dotado con 2.500 euros.

A proposta gañadora propón, ademais dunha solución ao problema de accesibilidade, unha ordenación do espazo para eliminar obstáculos e potenciar a visibilidade das escaleiras. Trátase de colocar un elemento único, case escultural, para situar un ascensor e unhas escaleiras en espiral. Aínda que se utilizarán distintos materiais, destaca o uso da madeira.

Ademais, concedéronse dous accésits de 500 euros cada un a ‘Máis que unha escaleira’, de Pablo Vilares e ‘MOVCÑ75B’, de Antonio Corrochano.

Marqués de Cerralbo

O xurado propón valorar primeiro se é suficiente a instalación do ascensor na rúa Troncoso para resolver o problema de accesibilidade na zona. Non existe proxecto gañador pero si dous accésits dotados con 1.500 euros cada un: ‘De rúa a prazas’, de Javier Rodríguez, que propón o uso de escaleiras e plataforma salvaescaleras para deixar espazo para a configuración de pequenas prazas; e ‘Serendipia’, de Luciano González, que propón 4 tramos de escaleiras mecánicas.

Capitán Troncoso con Xeneral Alesón: ‘Isadore’. Francisco Rosell. Premio dotado con 3.500 euros.

A proposta gañadora consiste na instalación dun elevador dentro do propio muro de remate da rúa Troncoso para non reducir o ancho da vía nin obstaculizar as vistas das vivendas. Formula a construción dunha sala abovedada como lugar de espera e resgardo, mentres que en General Alesón se instala un elemento de vidro curvo.

O segundo premio, de 1.400 euros, foi para o proxecto ‘Porta Nova’, de José Luis Martínez.

Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez: ‘DosC’. Carlos Quintáns. Premio dotado con 2.500 euros.

O proxecto gañador propón a instalación dun ascensor para solucionar o problema de accesibilidade. Consiste nunha torre para o ascensor, unha ponte e unha escaleira, todo en formigón. Trátase dunha proposta sinxela cuxa proposta de execución minimiza o tempo no que non se pode acceder entre as cotas existentes. Valorouse que a proposta de intervención evita xerar cantos e abre o espazo público.

O segundo premio (de 1.000 euros) recaeu na proposta ‘Verde que che quero verde’, de Bernardo García Tapia.

23 de outubro de 2013 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.