A CEO organizou unha charla sobre “coaching” para a mellora de obxectivos, comunicación e xestión de equipos
A Confederación Empresarial de Ourense acolleu un taller sobre coaching no que expertos neste ámbito abordaron algunhas das cuestións fundamentais como o establecemento de obxectivos, a comunicación e a xestión de equipos. José Antonio Blanco Hierro, Coordinador do Segmento Empresas de Instituto Ben Pensante; Aïnhoa Mallo Martínez, Directora de Co:Walking e Mario López Guerrero, Coach de Equipos, escritor e voceiro foron os encargados de desenvolver os contidos desta charla.
En primeiro lugar, centráronse no establecemento de obxectivos, incidindo na súa importancia tanto na vida persoal como profesional e nas características que debe ter un bo obxectivo. Con respecto á comunicación, aspecto tamén relevante na vida persoal e profesional, o taller estivo orientado particularmente á empresa xa que, en numerosas ocasións, ao fallar a comunicación e as canles a través das que se establece a transmisión de obxectivos, accións ou directrices estes non son ben comprendidos. Xa por último, a xestión de equipos foi parte importante do desenvolvemento, centrándose na premisa de que nas organizacións os equipos son máis que grupos de traballo e conseguir equipos de alto rendemento multiplica os resultados empresariais.
En definitiva, dun modo práctico e participativo, o taller centrouse en como o coaching pode axudar ás empresas a conseguir equipos eficientes e de alto rendemento. Tras a presentación dos conceptos, os expertos realizaron un traballo conxunto cos asistentes a través de preguntas que lles levaron á reflexión, e tamén contaron co testemuño dunha persoa á que o coaching lle axudou na súa vida profesional.
Xornadas Internacionais de Coaching
Este seminario serviu tamén para presentar as Xornadas Internacionais de Coaching (XIC) / Congreso Internacional de ICC que se celebrará en Santiago de Compostela os próximos 18 e 19 de outubro. Máis de 300 persoas de todos os continentes asistirán a esta edición, que a converterán nun referente mundial para experimentar o desenvolvemento persoal e aprendizaxe, coa poderosa ferramenta do coaching.
A V edición do XIC, demostra que este evento celebrado en Galicia está totalmente consolidado tanto a nivel nacional como internacional, onde nesta edición, e para conmemorar o seu quinto aniversario contará cos máis prestixiosos coaches españois. Igualmente o ámbito da empresa estará representada por empresarios de coñecido prestixio, que a través das súas experiencias servirán de referencia e estímulo a todos os asistentes.
O obxectivo perseguido polo Congreso Internacional de ICC é compartir e achegar experiencias e coñecementos no ámbito do desenvolvemento das persoas, a partir da súa visión do coaching. Será a primeira vez que España albergue este evento de carácter internacional.











